O pleno de Lousame aproba por unanimidade a creación da súa sede electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a creación da sede electrónica do Concello de Lousame (https//sedelousame.es), a cesión da súa xestión na Deputación da Coruña e a correspondente Ordenanza Municipal de Administración Electrónica. Unha iniciativa coa que o Concello de Lousame “dá o primeiro paso dun proceso longo que permitirá simplificar todos os procedementos administrativos e facilitarlle aos veciños e veciñas o acceso ao Concello”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Neste sentido, Villaverde sinalou que “moitos cidadáns fan xa todo tipo de operacións a través da Rede, polo que dende a Administración temos que poñernos ao día xa que os veciños teñen dereito a poder facer estes trámites a través de Internet”. Unha vez que remate o procedemento administrativo preciso para a súa posta en marcha, a sede electrónica municipal estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuíta e permanente a través da páxina web do Concello de Lousame (www.concellodelousame.com).

Os veciños e veciñas de Lousame terán así acceso directo a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc. “A sede electrónica facilitará o acceso dos cidadáns á Administración, aforrando tempo e desprazamentos, e permitíndolles saber de inmediato en que estado están os trámites que presenten”, explicou Teresa Villaverde.

O pleno tamén aprobou a delegación da xestión e administración desta sede electrónica na Deputación da Coruña por un período de 4 anos prorrogables. Para iso, o Concello de Lousame deberá adherirse ao convenio marco de colaboración da entidade provincial, que non implica obriga económica algunha.

Aborto

Na quenda de mocións, o grupo municipal socialista propuxo instar ao Goberno do Estado a non continuar coa tramitación do anteproxecto de Lei do Aborto xa que “suporía un grave retroceso de máis de 30 anos”, segundo o voceiro socialista Julio Paradela, ao suprimirse o dereito a interromper o embarazo nas 14 primeiras semanas, salvo nos casos de violación ou que poñan en perigo a saúde da nai.

Teresa Villaverde amosou o seu apoio ao fondo da moción xa que considera que “se debe modificar ese texto porque é a propia sociedade a que pide que o fagamos así” e apostou por “chegar a un texto de consenso entre todos os grupos”. Aínda que puntualizou que “o anterior goberno tamén fixo modificacións sen consenso e coas que non estamos de acordo, como permitir que as menores puideran abortar sen coñecemento dos seus pais”, a alcaldesa de Lousame propuxo unha emenda á moción socialista na que non se solicitaba a retirada do anteproxecto de lei pero no que se pedía que se acadase un consenso no que participaran todos os grupos.

A emenda do grupo de Goberno non foi aceptada polo grupo municipal socialista, polo que a moción decaeu cos 7 votos en contra do grupo de Goberno e os dous a favor de PSOE e Compromiso por Galicia.

Pistas de parcelaria

Na quenda de rogos e preguntas, Teresa Villaverde anunciou que o Concello de Lousame traballa na posta en marcha dun plan plurianual para a limpeza das pistas de concentración parcelaria no municipio. “Hai algunhas pistas que mesmo teñen xestas e nas que non podemos actuar co tractor, polo que imos facer un plan por parroquias para ir limpando as pistas ao longo do ano. Unha vez limpas, o tractor municipal si que poderá encargarse do seu mantemento e de tarefas de desbroce”, explicou a alcaldesa.

24 de xaneiro de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.