O pleno de Ames aproba o regulamento do servizo de abastecemento e saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O pleno ordinario do mes de xaneiro aprobou por unanimidade o regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga, saneamento e depuración do Concello de Ames. A Corporación tamén deu luz verde por unanimidade á revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo. Ademais, a sesión plenaria incluíu a aprobación dun expediente de modificación de crédito, que ten como obxectivo dotar á Policía Local de Ames de dous vehículos equipados para o desempeño das súas funcións e dunha moción socialista na que se insta ao Goberno central á retirada do anteproxecto de lei polo que se pretende revisar a lexislación vixente en España sobre a interrupción voluntaria do embarazo. O pleno de xaneiro tamén estivo centrado na comparecencia da concelleira delegada de Deportes, María Eugenia Martín, para dar conta do desenvolvemento e situación das escolas deportivas municipais. Esta comparecencia foi solicitada polo grupo socialista a través dunha moción presentada no pleno de novembro e aprobada por unanimidade.

Deste xeito, a Corporación municipal foi unánime á hora de dar aprobación inicial ao regulamento do servizo municipal de abastecemento e saneamento. No pleno, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou que este texto, que describe o réxime xurídico do servizo e a mecánica das relacións entre usuarios/as e prestadora, foi elaborado e consensuado no marco dunha comisión creada ao efecto e na que estiveron representados o Goberno municipal e a oposición, así como os técnicos municipais dos departamentos de Secretaría, Tesourería e Intervención. O texto, elaborado ao amparo da Lei de Augas, recolle as necesidades e dereitos dos usuarios/as e do Concello. Durante toda vixencia do contrato coa empresa concesionaria, non existía ningún regulamento e, de feito, no ano 2005 a empresa concesionaria presentou un modelo de regulamento que non foi levado a pleno.

A concelleira, que agradeceu o traballo e implicación do persoal municipal e dos concelleiros que participaron na comisión, explicou que actualmente, estase estudando o sistema de prestación do servizo de abastecemento e saneamento (xestión directa ou indirecta), e procedía a elaboración e aprobación dun regulamento que establecera o réxime xurídico aplicable na prestación do servizo e nas relacións entre usuarios/usuarias e a prestadora do mesmo, dando cumprimento ás esixencias e necesidades municipais para ofrecer un mellor servizo ós cidadáns de Ames.

No regulamento, composto por 132 artigos, establécese que o servizo de abastecemento e saneamento seguirá ostentando, en todo momento, a condición de servizo público municipal, sen prexuízo da forma de xestión que finalmente se aprobe.

Paralelamente á redacción deste regulamento, a concelleira destacou, a preguntas de concelleiros da oposición, que se está á espera dos informes que están elaborando os técnicos municipais para convocar proximamente a comisión na que se está analizando e avaliando a fórmula de xestión deste servizo no futuro.

O pleno ordinario de xaneiro tamén aprobou por unanimidade a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo para o ano 2013. Esta revisión foi solicitada pola empresa concesionaria, tal e como se recolle no contrato asinado en 2006. De acordo coa proposta formulada, o coeficiente de actualización é do 1,19%, pasando dos 660.000 euros actuais aos 668.000.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que esta actualización non ten repercusión sobre os veciños e veciñas e correspóndese ao ano 2013 xa que, debido ás negociacións que levou a cabo a empresa cos traballadores para un novo convenio laboral, non puido presentar a solicitude ata o mes de decembro. Neste punto, o concelleiro Anxo Doval felicitouse por que esta revisión leve parello unha suba de soldo aos traballadores e a oposición solicitou que se abordase a ampliación do servizo a aquelas zonas que están sen ampliar. Sobre esta cuestión, o alcalde de Ames explicou que se está a falar coa empresa a posibilidade de ampliar o servizo a novas zonas do municipio, xa que na sinatura do contrato había áreas que non se incluíron, e que se están estudando as diferentes opcións.

Vehículos da Policía

Cos votos do Goberno foi aprobada a modificación de crédito de 50.000 euros que ten como obxectivo dotar á Policía Local de Ames de dous vehículos. Este punto da orde do día contou cos votos a favor do grupo de Goberno e cos votos en contra dos exconcelleiros do BNG, mentres que o resto de concelleiros/as optaron pola abstención. A modificación de crédito supón o trasvase dunha partida do departamento de Medio Ambiente e doutros servizos, principalmente derivada do aforro que supuxo o cambio no sistema de xestión do servizo de lacería e recollida de animais, que antes se facía a través do Refuxio de Bando.

O rexedor amiense destacou o compromiso do Goberno coa Policía Local de mellorar os medios cos que contan e explicou a necesidade de dotar á Policía Local de dous novos vehículos, tendo en conta que os catro actuais teñen unha antigüidade que oscila entre os 15 e os 7 anos. Santiago Amor explicou que o obxectivo desta modificación de crédito é non demorar máis a adquisición destes vehículos, debido a que neste momento se está elaborando o orzamento municipal, polo que o Goberno a considera como a fórmula máis axeitada para anticipar a posta en marcha destes vehículos.

Ante as críticas dos concelleiros da oposición, o alcalde explicou que a modificación de crédito é unha fórmula factible e válida que xa se empregou en outras ocasións e con outros Gobernos e incidiu en que non se adquiría ningún vehículo para a Policía desde 2006. Santiago Amor reiterou que o Goberno amiense está traballando no orzamento de 2014 e que o borrador será trasladado á oposición para que poidan facer achegas.

Pola súa banda, o concelleiro socialista Francisco Villaverde recoñeceu que a modificación de crédito supón unha forma lexítima para adquirir os vehículos. Villaverde recoñeceu, ademais, que o último coche adquirido para a Policía data de 2006, aínda que nese ano xa había queixas pola antigüidade do parque móbil. Mentres, o concelleiro Anxo Doval xustificou o voto en contra dos exconcelleiros do BNG en que consideran que hai outros investimentos necesarios e prioridades.

O Goberno amiense propuxo esta modificación de crédito para destinar 50.000 euros á compra de dous vehículos durante o primeiro trimestre de 2014. A isto únese o obxectivo do Goberno de adquirir outros dous coches patrulla para a Policía Local no ano 2015, renovando así o parque móbil da Policía. Esta renovación xa se pretendeu a principios do ano 2013 a través da fórmula do renting de dous vehículos. Desde entón, mudaron as condicións, polo que neste momento semella posible adquirir os vehículos en propiedade. Segundo os cálculos realizados polos servizos económicos do Concello, aínda que esta opción esixe un desembolso máis elevado no ano inicial, implica un aforro considerable ao longo dos anos. De feito, nun período de oito anos o aforro para o Concello sería de máis do 58%.

Comparecencia da concelleira de Deportes

O pleno de xaneiro incluíu a comparecencia da concelleira delegada de Deportes, María Eugenia Martín, sobre as escolas deportivas acordada en sesión plenaria de 28 de novembro de 2013 a raíz da presentación dunha moción por parte do grupo socialista. A concelleira tivo que responder ás preguntas formuladas polo portavoz do grupo socialista e polos concelleiros non adscritos, que lle solicitaron información, entre outras cuestións, relacionada co servizo, o desenvolvemento das clases, as baixas dos monitores, a asistencia de alumnos ou a redacción dos pregos da licitación.

Na súa quenda de palabra, a concelleira de Deportes destacou que “en todo momento no proceso de licitación das escolas deportivas se cumpriu a legalidade” e instou aos concelleiros da oposición, especialmente aos do PSOE, “a que acudan á Xustiza en caso de ter a certeza de que o proceso non se realizou correctamente”.

María Eugenia Martín explicou que na súa xestión “sempre defendín os intereses do Concello e non os persoais” e asegurou que, pese ás críticas, “non se produciu ningunha situación fraudulenta”. Sobre a titulación dos monitores, destacou que os concelleiros contaban coa información remitida pola empresa e que nos primeiros tres meses de desenvolvemento das escolas “non se rexistrou un número de baixas importante e que a asistencia dos alumnos/as se está realizando con normalidade”.

Sobre o control que se está facendo do servizo, a concelleira explicou que está en contacto con monitores e usuarios de cara a coñecer o desenvolvemento do servizo e solucionar as posibles incidencias, “facendo un seguimento exhaustivo do contrato”. Asimesmo, engadiu que na comisión comparecerá o coordinador das escolas deportivas, que explicará os motivos das baixas dalgúns dos monitores.

Finalmente, a concelleira explicou que está aberta a comisión na que se está analizando o cumprimento do contrato, na que se lle requiriu toda a documentación á empresa e na que se avaliará o servizo. Tanto o alcalde como a concelleira incidiron en que será no marco desa comisión no que se analice se hai que apercibir á empresa.

Moción

Tamén no punto de control ao Goberno, aprobouse unha moción presentada polo grupo municipal socialista con motivo do anteproxecto de Lei orgánica sobre a saúde sexual e reprodutiva e a interrupción voluntaria do embarazo. Esta moción foi aprobada cos votos a favor do grupo socialista e dos concelleiros non adscritos, mentres que o grupo de Goberno votou en contra por atoparse este anteproxecto na fase de tramitación, na que se buscará mellora e consenso, así como novas achegas e enfoques e durante a que se poderán introducir modificacións.

A concelleira socialista Isabel González fixo fincapé en que esta norma “suporá un grave retroceso para a lexislación española e provocou un rexeitamento social da cidadanía”. Pola súa banda, a concelleira Pilar Candocia subliñou que a futura lei “elimina dereitos ás mulleres” e coincidiu coa concelleira María González en que é necesario apostar pola información aos máis novos. O concelleiro Alfonso Rey abstívose na votación argumentando o seu respecto sobre unha cuestión na que considera que non debía pronunciarse por non ser muller.

31 de xaneiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.