O pleno da Laracha votará o mércores a integración da localidade na CMAT Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha reunirase en sesión ordinaria o mércores da próxima semana (29 de xaneiro), sendo o punto máis destacado da orde do día a proposta formulada polo goberno local para que o Concello da Laracha participe en calidade de socio fundador na asociación de turismo CMAT Costa da Morte recentemente creada. Este asunto foi tratado hoxe na Comisión Informativa de Ensino, Cultura, Deportes, Xuventude, Turismo e Festas.

A nova asociación nace co obxectivo de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos (públicos e privados) interesados en promover o desenvolvemento turístico da Costa da Morte.

As liñas de acción irán dirixidas a impulsar o destino turístico Costa da Morte, mellorar a calidade e a innovación permanente en servizos e produtos turísticos, consolidar e reforzar os segmentos con maior potencial de crecemento e fortalecer e aumentar a oferta turística para afrontar con garantías os retos e oportunidades dos segmentos consolidados.

CMAT fará de interlocutor único en materia turística entre os seus asociados, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, sendo o ámbito que abrangue o seu plan de actuación os dezasete municipios que forman o xeodestino Costa da Morte, é dicir, ademais do Concello da Laracha, os de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Tamén será competencia do Pleno nomear ao representante do Concello da Laracha na Xunta Directiva de CMAT. A proposta do goberno local será que o sexa o alcalde, José Manuel López Varela.

24 de xaneiro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.