publicidade hoxe

O Plan Enerxético provincial permite ao Concello da Fonsagrada aforrar 40.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal PortadaLugo
A-
A+

O Deputado de Medio Rural e do Mar, José Fernández, estivo hoxe na Fonsagrada acompañado polo Alcalde do Concello, Argelio Fernández Queipo, supervisando os traballos realizados pola institución provincial para a implantación do Plan Enerxético neste municipio. O organismo lugués permitiu un aforro de 40.0000 euros ás arcas municipais, que se distribúe do seguinte xeito: 10.000 euros, que sería o prezo de mercado dunha auditoría enerxética como a que realizaron os técnicos da Axencia Lucense da Enerxía, como paso previo ós traballos; 21.500 euros, coa compra a instalación do equipamento enerxético; e 8.200 euros, que é a cantidade na que se reducirá a factura anual da luz do Concello.

José Fernández deu conta destes resultados, destacando as vantaxes económicas que este Plan Enerxético supón para os Concellos adheridos, xa que “a diferenza de iniciativas semellantes doutras administracións, como a Xunta de Galicia, que obriga ós Concellos a achegar o 30% do orzamento, esta é totalmente gratuíta”. Do mesmo xeito, “é tamén beneficioso dende o punto de vista medioambiental, xa que evita a emisión de toneladas de CO2 ó ano”. Fernández destacou que o gasto enerxético é unha das partidas que supoñen máis gasto para os orzamentos municipais, polo que este plan “é unha importante axuda para a economía dos pequenos Concellos”. O rexedor fonsagradino tamén destacou a importancia do aforro que este plan pode supoñer para os Concellos, xa que “son custes que doutro xeito non poderían ser acometidos e que permiten destinar eses cartos a servizos básicos para os veciños”, subliñou Fernández Queipo.

Os técnicos da Axencia Lucense da Enerxía detectaron que os maiores custes enerxéticos deste Concello proviñan do seu alumeado público, de xeito que as medidas adoptadas pasaron pola adquisición e posterior instalación de 152 novos compoñentes como lámpadas de baixo consumo, balastros electrónicos, descargadores de sobretensión ou reloxos astronómicos. Co da Fonsagrada, xa son 13 Concellos nos que o Plan Enerxético da Deputación está en marcha.

22 de xaneiro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.