O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a presentación do documental “Tomeza, Terra de Pastequeiros”
O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá este sábado 18 de xaneiro ás 19 horas a presentación do documental Tomeza, Terra de pastequeiros, da xornalista e investigadora Ana Lois. Trátase dun proxecto de investigación, financiado polo Concello de Pontevedra, sobre as tradicións máxico-relixiosas do val de Tomeza. Pretende recoller todos os rituais de sanación que seguen utilizándose na zona, e tamén aqueles que se foron abandonando máis aínda se conservan na memoria oral. No documental amósanse as tradicións máxicas asociadas a San Cibrán, os rituais de curación do pasteco, a historia do Manso (o pastequeiro máis famoso dos que houbo en Tomeza), como se usan os licornios nesta parroquia, e outros moitos remedios populares para enfermidades como o codo ou o mal de ollo. Terra de pastequeiros forma parte dun proxecto máis amplo que se desenvolve en toda Galiza e que se difunde através do web www.palabrassecretas.com











