publicidade hoxe

O obradoiro “Ruta termal” ofrece un posto de traballo a 24 persoas desempregadas de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Participantes no obradoiro

Participantes no obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, realizou esta mañá unha visita o obradoiro de emprego “Ruta Termal” e comprobou o desenvolvemento dos traballos que están a realizar os seus 24 alumnos, persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego da capital das Burgas. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 6 persoas do Concello ourensán que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo.

Na actualidade os alumnos están a executar actuacións na zona das termas de Outariz relacionadas coa xardinería e carpintería, os dous módulos impartidos neste obradoiro de emprego.

Na visita -que tamén contou coa presenza do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, e do concelleiro de Termalismo, José Ángel Barquero, – Rogelio Martínez amosouse esperanzado que a preparación e habilidades adquiridas nesta iniciativa contribúan a “incrementar moi significativamente a empregabilidade dos alumnos”. A Xunta inviste neste obradoiro de emprego máis de 213.000 euros.

Xardinería e carpintería

Durante os seis meses de duración do obradoiro, logo da súa etapa inicial de formación, os seus alumnos porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, as 16 persoas que elixiron o módulo de xardinería e as 8 que optaron pola disciplina de realizarán traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verde na ruta termal do río Miño, que arranca na marxe dereita do Miño na zona da Chabasqueira e se prolonga ao longo de 12 quilómetros de senda peonil.

O delegado territorial da Xunta en Ourense destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

11 obradoiros na provincia

Dende o mes de outubro que comezaron a funcionar os obradoiros, Rogelio Martínez está a realizar visitas co obxectivo de coñecer de preto os 11 obradoiros de emprego que están en marcha na provincia de Ourense nos que poden participar 234 persoas desempregadas.

O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destina aos obradoiros de emprego que se desenvolven na provincia ourensá 2.078.720 euros. “Este esforzo enmárcase na posta firme do Goberno galego pola mellora da empregabilidade das persoas desempregadas en Galicia”, apuntou Rogelio Martínez.

No conxunto da Comunidade autónoma, puxéronse en marcha un total de 50 obradoiros, que contan cun investimento de preto de 10 millóns de euros e que beneficiarán a 1.300 persoas desempregadas.

9 de xaneiro de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.