O novo regulamento das Escolas Infantís da Coruña contempla praza gratuíta para os segundos e sucesivos irmáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá o novo regulamento para as Escolas Infantís Municipais (EIM), que se aprobará na próxima Xunta de Goberno e aplicarase o próximo curso escolar. O texto está adaptado ás directrices marcadas pola Unión Europea na súa Estratexia Europa 2020, que establece como prioridades dos países membros ofrecer servizos educativos e coidados de calidade na etapa infantil, beneficiando especialmente aos menores de contornas desfavorecidas, discapacitados ou en situación de exclusión social.

“A Unión Europea marcounos cal é o lugar no que teñen que estar os países en 2020 pero nós, como cidade, adiantámonos e xa chegamos en 2014, converténdonos nun referente a nivel nacional. Agora continuamos na nosa rede de Escolas Infantís Municipais o camiño que iniciamos hai dous anos con Coruña Educa. En definitiva, gañamos unha xeración”, explicou o alcalde, quen engadiu: “Somos conscientes do reto que isto supón pero sabemos que a cidade do futuro basearase nun crecemento intelixente, sustentable e integrador marcado desde esta etapa temperá esencial para o éxito na aprendizaxe permanente dos cidadáns, a integración social dos mesmos, o seu desenvolvemento persoal e empleabilidad futura”.

Neste sentido, o rexedor explicou que o novo regulamento, que contou coa participación das direccións de todas as EIM, supón un profundo cambio no papel que a rede debe desempeñar garantindo, por primeira vez, a accesibilidade. O alcalde detallou algunhas das novidades máis importantes en relación coa antiga norma de 2008:

“Por primeira vez créanse prazas gratuítas. Comezarase cunha cota do 2% en cada unha das escolas da rede municipal. En total serán 17 prazas ás que terán a posibilidade de acceder as rendas máis desfavorecidas”, explicou.

Os segundos e sucesivos irmáns terán praza gratuíta.

Establécese como un dos principais criterios de preferencia que os menores estean empadroados no Concello, con prioridade absoluta fronte aos empadroados noutros municipios.

Aplícase un novo baremo que dá trato preferente nos criterios de admisión a menores procedentes de contornas desfavorecidas, ás familias con máis membros na unidade familiar, ás familias monoparentais e  menores e  familiares con algún tipo de discapacidade:

– No proceso de admisión, na renda anual da unidade familiar, increméntase a valoración das rendas máis baixas en 1 punto en relación ás máis altas. No regulamento de 2008 a renda máis baixa valorábase con 3 puntos e a máis alta con 0,5. No novo regulamento a renda máis baixa valórase con 4 puntos e a máis alta con 0,5.

– Triplícase a valoración en caso de minusvalía do menor (3 puntos no novo regulamento e 1 punto no de 2008).

– Cuadriplícase a valoración en caso de minusvalía dos pais
(2 puntos, fronte a 0,5 puntos).

– No regulamento de 2008 non se puntuaban nin ás familias numerosas nin ás monoparentais. No novo regulamento puntúanse con 3 e 2 puntos respectivamente.

“En definitiva, trátase dun regulamento máis xusto, porque crea oportunidades reais de igualdade, e máis solidario e realista, porque contempla situacións económicas e sociofamiliares que antes ou non se contemplaban ou non se valoraban de acordo ás circunstancias sociais”, explicou o alcalde.

NOVAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

O alcalde lembrou ademais o compromiso do Goberno local por ofrecer ás familias un sistema educativo -ademais dunhas instalacións públicas- de calidade. O Concello reafirma este obxectivo coa incorporación das Escolas Infantís ao programa municipal EducaSaúde no que participan os 650 menores da rede; a incorporación do inglés a esta etapa educativa a partir dos 2 anos; ou a ampliación no número de prazas nas Escolas Infantís Municipais:
“Ao final deste mandato contaremos con tres novas escolas infantís: Agra do Orzán, Pai Rubinos e A Sardineira, o que permitirá incrementar nun 40%, a oferta de prazas dispoñibles, pasando das 640 de 2011 ás 896 en 2015”, explicou Carlos Negreira.

23 de xaneiro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.