O novo percorrido da cabalgata vilagarcián demostrouse axeitado e a resposta do público excelente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A concelleira de Cultura, Rocío Llovo, manterá esta semana unha xuntanza coa comisión organizadora da Cabalgata de Reis para valorar o resultado do desfile deste ano, analizar os posibles fallos, determinar os aspectos a conservar e decidir as medidas a adoptar para mellorar de cara ao ao que ven. A expensas do resultado dese encontro e tras as primeiras impresións mantidas con algúns membros do equipo, a concelleira valora positivamente o evento tanto no que se refire ás novidades incluídas no percorrido, como no que a participación e público se refire. O único punto negativo foi o chaparrón que se iniciou cando a cabeza da comitiva encaraba a Avenida da Mariña e que deslucíu o último tramo do desfile, e pese ao cal, a resposta do público foi excelente.

En opinión dos responsables municipais, o novo percorrido da Cabalgata con saída dende Vista Alegre demostrouse axeitado tanto a efectos estéticos, cunha saída propia dos Reis dende o castelo, como a efectos organizativos xa que as carrozas pódense organizar nun tramo de vía peonil e os participantes concentrarse no recinto do colexio Filipense.

Despois da experiencia inicial do pasado domingo, a concelleira e partidaria de sacarlle moito máis rendemento ao marco incomparable que ofrece o conxunto arquitectónico de Vista Alegre, polo que de cara ao ano que ven proporá á comisión darlle máis espectacularidade ao saúdo inicial dos Magos dende as almenas da ponte con xogos de luz e efectos visuais.

Unha das melloras realizadas este ano foi a ampliación de luces nas Carrozas dos Reis. A modo de proba, o domingo apagouse a iluminación navideña nun tramo da Rúa Castelao para que os vehículos dos Reis destacasen máis, aínda que comprobouse que a luz que desprendían as carrozas eran suficientemente potentes como para lucir igualmente co alumeado das rúas prendido.

A organización da Cabalgata esperou ata o último minuto para decidir o percorrido final do desfile e a elección do traxecto longo adoptouse en función das previsións de diversos servizos meteorolóxicos consultados que coincidían en avanzar unha tregua para a última parte da tarde e primeiras horas da noite. Contradicindo ás previsións, a choiva fixo acto de presencia cando a cabeza do desfile xa tiña sobrepasado a Praza de Galicia, o punto previsto para acurtar o percorrido, polo que foi imposible cambiar sobre a marcha. O chaparrón obrigou aos músicos a saír do desfile para que non se lles danaran os instrumentos. Non obstante, a Cabalgata seguiu adiante desafiando ós elementos e para que todos os nenos e nenas que esperaban ilusionados nas rúas puideran ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.

A concelleira agradeceu a excelente disposición dos nenos e adultos que integraban a comitiva real, en especial aos cativos que se negaron a abandonar o desfile cando comezou a chover tal como lle ofreceu a organización. A mesma ilusión por acompañar aos Magos de Oriente amosárona os nenos e nenas e os maiores que presenciaban a Cabalgata e que, pese a choiva encheron as rúas da cidade e se concentraron en Ravella para o recibimento ante o belén Vivinte. Llovo comentou que a recepción no salón nobre do Concello tamén tivo moito éxito de público xa que as Súas Maxestades estiveron case dúas horas recibindo a atendedo as peticións dos centos de nenos que quixeron ir a saudalos persoalmente.

Gracias ás Súas Maxestades

A valoración da concelleira de Cultura respecto á participación de colectivos na Cabalgata tamén foi moi boa. Llovo agradeceulles ás asociacións, grupos e ANPAS que participaron no desfile a súa colaboración para facer da Noite de Reis a máis especial do ano para tantos nenos e nenas e lembrou que a participación segue aberta a outras entidades que desexen tomar parte na iniciativa os vindeiros anos.

Encontro entrañable cos anciás

Para finalizar, Llovo fixo público o agradecemento da organización e de todos os vilagarciáns aos propios Reis Magos que dedicaron boa parte do día e da noite a cumprir as ilusións de tantas persoas. A concelleira fico unha mención especial á entrañable visita que Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron un ano máis aos anciáns da Residencia Divina Pastora que esperaban aos Magos coa mesma ilusión que os cativos.

7 de xaneiro de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.