O Multiúsos Fontes do Sar acolle unha maratón solidaria de zumba a beneficio do banco de alimentos compostelán
A Concellería de Benestar Social e o Multiúsos Fontes do Sar organizan este domingo, 19 de xaneiro, un evento con fins benéficos no que ás actividades infantís do Multixogo se sumará unha maratón extraordinaria de zumba para toda a familia. Para acceder á festa solidaria non é necesario ser abonado das instalacións deportivas. Tan só é preciso realizar na entrada ao recinto unha achega dun quilo de alimentos (non caducados, que non superen a data de consumo preferente, e debidamente etiquetados). Todo o recadado na xornada irá destinado ao Banco de Alimentos de Santiago.
Entre as 16:00 e as 20:00 horas, o vestíbulo do Multiúsos Fontes do Sar acollerá as xa habituais actividades do evento infantil Multixogo, enfocadas a rapaces de ata 12 anos de idade. Os nenos e nenas poderán gozar ao máximo cos inchables, camas elásticas, manualidades, dardos, futbolíns, tenis de mesa e outras moitas actividades deportivas programadas.
Ademais, celebrarase unha gran maratón de zumba, o programa de exercicios de baile inspirados na música latina que tanto éxito ten na actualidade. A clase extraordinaria terá lugar na pista central do recinto durante dúas horas, entre as 17:00 e as 19:00 horas, e nela poderán participar tanto os nenos como os adultos.
A clase estará dirixida por catro profesores con certificado de zumba e cunha importante traxectoria no mundo do fitness: Ana Martínez e Ana Fernández, monitoras de actividades dirixidas no Multiusos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel; e Marcelino Fernández “Seluco” e María Dolores Brea, ambos instrutores na zona de Muros.











