publicidade hoxe

O mercado “Lalín. Compromiso de Calidade” contará con 24 vendedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A día de hoxe hai confirmados a presenza de 24 vendedores e o prazo para cursar a participación está aberto ata o 30 de xaneiro.

María José Batán, concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, informa que na tarde de onte mantivo na Casa do Concello unha reunión de programación do Mercado Tradicional da Feira do Cocido “Lalín. Compromiso de Calidade” que se celebrará na fin de semana da Feira do Cocido, o sábado 22 de febreiro e o domingo 23 de febreiro, Día Grande da Festa, na Praza da Igrexa e na Rúa Colón, de 10 da mañá a 21 horas, ambas as dúas xornadas.

Batán sinala que “no encontro no que houbo unha nutrida participación, un total de 40 persoas, explicóuselles cales son os principais obxectivos deste Mercado ligado á Feira do Cocido e ao Compromiso de Calidade: achegar aos visitantes da Feira e a aqueles que xa nos visitan o día anterior os mellores produtos da zona, tanto agroalimentarios como de artesanía”.

“Horario, normas de funcionamento, imaxe dos stands, aspectos de infraestruturas como iluminación ou mobiliarios foron os principais aspectos que se trataron na xuntanza de onte”, precisa. “En todo caso, garantiremos a presenza de artesáns de todo tipo e unha oferta moi diversa de produtos de alimentación, de xeito que o consumidor teña as garantías de atopar os ditos produtos”, indica.

“Haberá representantes de produto da industria agroalimentaria; vendedores e produtores de hortalizas, froitas e verduras e artesáns; nun 80% procedentes de Lalín e Comarca, aínda que tamén terán representación de vendedores doutras zonas como Ourense, Santiago ou Pontevedra”, afirma.

María José Batán precisa que “desde o Concello achegaremos o espazo cuberto e acondicionado, organización e promoción do evento e outros servizos, namentres os vendedores ofrecerán un produto de calidade e con variedade de servizos”.

“Os participantes que confirmaron a súa presenza xa a día de hoxe son 24 vendedores”, remarca, ao tempo que puntualiza que “o prazo para pechar inscricións está aberta ata o 30 de xaneiro”. “A última reunión celebrarase o 31 de xaneiro para expoñer xa a distribución definitiva do espazo e os detalles da montaxe, a vixilancia e o concretar os últimos detalles organizativos”, subliña.

21 de xaneiro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.