publicidade hoxe

O Igape mobilizarán 62 millóns de euros en liñas de axuda para apoiar a mellora da competitividade e a internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Aguilera na reunión no Polígono do Tambre

Aguilera na reunión no Polígono do Tambre

O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe nun encontro de traballo con empresarios do polígono do Tambre, en Santiago, onde destacou o esforzo da Consellería de Economía e Industria para que as empresas galegas, especialmente as pemes, dispoñan de instrumentos para desenvolver os seus investimentos e para promover o mantemento e a xeración de emprego.

Neste sentido, salientou, o Igape ten na actualidade activadas distintas liñas de apoio ao empresariado galego que suman máis de 20 millóns de euros e permitirán mobilizar 62 millóns en investimentos e proxectos de mellora da competitividade ou internacionalización do tecido empresarial galego.

No encontro de traballo organizado en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e co Circulo de Empresarios de Galicia (CFV), Aguilera destacou a vixencia dos programas Galicia Inviste, para apoiar grandes investimentos, con orzamentos a partir de 200.000 euros, e Galicia Emprende, para proxectos de emprendedores ou novas empresas, con investimentos a partir de 35.000 euros. En ambos casos, os apoios cobren ata o 50% do custo da iniciativa. Mediante estes dous programas, mobilizaranse máis de 50 millóns de euros durante o presente ano.

O director do Igape referiuse tamén ao novo fondo de capital risco que cofinanciará proxectos emprendedores, e engadiu que a estes programas se lles sumarán, en datas próximas, os programas financeiros que prevé impulsar o instituto para procurar, conxuntamente cos programas habilitados a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta do financiamento axeitado.

Entre as liñas de apoio xa activadas polo Igape está tamén a deseñada para apoiar os investimentos tecnolóxicos no sector servizos, que facilitará a mellora competitiva das pemes beneficiarias; e a liña de promoción de iniciativas de difusión, que promove a participación das pemes en eventos organizados por organismos intermedios para promover a competitividade, o emprendemento ou a internacionalización das empresas galegas.

Dentro deste marco de apoio, a Xunta segue a conceder especial importancia a internacionalización das empresas. Neste sentido, o Igape prevé mobilizar máis de 6 millóns mediante o programa Primex que apoia a primeira implantación no exterior das empresas galegas, que tamén poderán acollerse á liña de axudas para a contratación de xestores especialistas en comercio exterior.

Así mesmo, no ámbito dos servizos, o Igape segue desenvolvendo o programa Reacciona, que xa serviu para que centos de empresas dispoñan de diagnósticos sobre o seu potencial de internacionalización, e para que outras estean implantando proxectos de mellora para incrementar os seus niveis de competitividade.

 

30 de xaneiro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.