O Igape achega os novos programas de axudas aos empresarios e emprendedores vigueses

O director do Igape no Emprende en Pontevedra
O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, destacou hoxe o esforzo da Consellería de Economía e Industria para que as empresas galegas, especialmente as pemes, dispoñan de instrumentos para desenvolver os seus investimentos e promover a xeración de emprego.
Neste sentido, Aguilera Navarro salientou que o Igape prevé mobilizar máis de 62 millóns de euros en investimentos empresariais a través das liñas de apoio activadas ata o momento, dotadas con máis de 20 millóns de euros en axudas destinadas a promover novos proxectos de empresas e emprendedores en Galicia e iniciativas orientadas á mellora da competitividade e á internacionalización das pemes.
Na xornada organizada en cooperación coa CEP, Aguilera destacou os programas Galicia Inviste, para apoiar grandes investimentos, con orzamentos a partir de 200.000 euros, e Galicia Emprende, para proxectos de emprendedores ou novas empresas, con orzamentos a partir de 35.000 euros. En ambos casos, as axudas poderán cubrir ata o 50% dos investimentos aprobados. So a través deste dous programas, Economía e Industria prevé a mobilización de investimentos por máis de 50 millóns de euros.
O director xeral do Igape referiuse tamén ao novo fondo de capital risco que cofinanciará proxectos emprendedores, e engadiu que a estes programas se lles sumarán, en datas próximas, os programas financeiros que prevé impulsar o instituto para procurar, conxuntamente cos programas habilitados a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta do financiamento axeitado.
Entre os programas de apoio xa activados polo Igape están tamén o deseñado para apoiar os investimentos tecnolóxicos no sector servizos, que permitirá a mellora competitiva das pemes beneficiarias; e a liña de promoción de iniciativas de difusión, que facilita a participación das pemes en eventos organizados por organismos intermedios para promover a competitividade, o emprendemento ou a internacionalización das empresas.
O director do Igape salientou igualmente que a Xunta segue a conceder especial importancia a internacionalización. Neste sentido destacou que o Primex mobilizará 6 millóns no apoio á primeira implantación no exterior das empresas galegas, que tamén poderán acollerse á liña de axudas para apoiar a contratación de xestores especialistas en comercio exterior.











