O “I Circuíto de Xadrez de Galicia” comezará en Ferrol co “XI Torneo Tempo de Lecer”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o “I Circuíto de Xadrez de Galicia” que se desenvolverá entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro no norte das provincias da Coruña e Lugo. A edil ferrolá estivo acompañada polo presidente do Círculo Ferrolán de Xadrez, Juan Rodríguez Rey, entidade organizadora deste circuíto que conta coa colaboración do Concello de Ferrol.

Este circuíto estará composto por diferentes torneos que terán lugar no norte das provincias da Coruña e Lugo e no mesmo poderán participar todos os deportistas, sexan federados ou non. Susana Martínez explicou que “o xadrez é un deporte cunha longa tradición na nosa cidade que ademais conta con grandes xogadores”. Así mesmo, a edil ferrolá engadiu que “Ferrol é a capital galega do xadrez dende hai algúns anos”. O I Circuíto de Xadrez de Galicia dará comezo co XI Torneo Tempo de Lecer que se celebrará este sábado, día 4, a partir das 16:00 horas no restaurante “El Gallo” situado en Valón. Esta proba será disputada polo sistema suizo a sete roldas e a contía de premios é dun total de 895 euros, repartidos nas diferentes categorías.

Inscrición

Pola súa banda, o presidente do Círculo Ferrolán de Xadrez, manifestou que se espera a participación de arredor de 50 xogadores no XI Torneo Tempo de Lecer. “É un torneo para divertirse e pasalo ben” engadiu. Os interesados en participar na competición poderán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a: rodrigocuberoferreiro@hotmail.com ou chamando ao teléfono: 687 417 469 , ata o día 3 de xaneiro ás 22:00 horas. Para máis información poderán consultar a páxina web: www.escoladexadrez.com.

2 de xaneiro de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.