O home do do cal apareceu o seme en Asunta ve a desimputación “preto” e a defensa de Porto cre que “non ten coartada”
A defensa do home o perfil xenético do cal coincide co seme achado na camiseta de Asunta Basterra, o avogado Alberto Martín, asegurou este venres “sen dúbida” que a desimputación do seu cliente na causa está “máis preto”, tras a declaración da irmá do terceiro imputado, ante o xuíz José Antonio Vázquez Taín, que instrúe a causa.
Así o explicou á súa saída dos xulgados de Santiago, onde criticou que á defensa dos pais da menor “non lles interese” que o seu cliente teña unha coartada. “Dixérono con toda a claridade do mundo, que nunca estivo en Galicia nin en Santiago”, sentenciou.
A irmá do terceiro imputado explicou ante o xuíz que o seu irmán pasou en Madrid a xornada do 21 de setembro, cando se produciu a morte de Asunta, primeiro nun centro comercial, logo comendo na súa casa e finalmente de cea cunha amiga. A declaración, explicou Alberto Martín, “verificouse con fotos” e coas facturas que mostran as consumicións.
Por iso, o letrado reiterou que “ningunha proba” sitúa o seu cliente “en Santiago nin de lonxe” e explicou que, cando se teñan todas as probas en conta, “a verdade vai deixar absolutamente sós” os pais de Asunta. “Eles si que teñen innumerables probas sobre as que non existe ningunha explicación”, garantiu.
SEN COARTADA
O avogado de Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, reiterou, non obstante que, segundo a súa opinión, o imputado “non ten coartada”. “No seu momento oiranse as gravacións no xuízo oral e decataranse de quen mente e quen non”, argumentou.
Para Aranguren, as versións dos familiares “están a cambiar”, e “as horas e as persoas que a acompañaron á Garda Civil non coinciden co que dixo a noiva”. “Os testemuños son carentes de fundamento”.
FORENSES
Na xornada deste venres compareceron tamén as dúas forenses que realizaron o levantamento do cadáver da menor. Na súa declaración, indicou Aranguren, ratificaron que, na dilixencia realizada tras o levantamento, apreciaron a existencia “dunha substancia orgánica” na camiseta da menor, que podería ser seme. Esta referencia, criticou o avogado, desapareceu en dilixencias posteriores.
ROSARIO PORTO
Tanto a defensa do terceiro imputado como os letrados da acusación particular, que ostenta a asociación Clara Campoamor, criticaron a actitude que mantivo en sede xudicial Rosario Porto, que actuou como coavogada da súa defensa.
En “moitos anacos”, Porto permaneceu na sala “durmida” e “cos ollos pechados”, sen participar nas dilixencias. Así mesmo, Alberto Martín explicou que se tivo con ela unha “consideración fóra do común”, levándolle café en varias ocasións. O seu avogado atribuíu este estado ao feito de que se cliente padecese este venres “unha febre altísima”.











