O home buscado pola morte da súa muller e a súa sogra en Cervo carece de denuncias previas
O individuo buscado como presunto autor da morte da súa muller e a súa sogra no domicilio familiar no municipio de Cervo (Lugo) é un home de 52 anos, de nacionalidade española e veciño da localidade. A Delegación do Goberno confirmou que non haI constancia de que a súa parella presentase denuncias previas.
Segundo indicou a Delegación do Goberno, sobre o mediodía deste martes foron achadas mortas dúas mulleres de 72 e 45, nai e filla, respectivamente, de nacionalidade española e veciñas do municipio lucense de Cervo.
As mesmas fontes sinalaron que podería tratarse dun posible caso de violencia de xénero. De feito, a Garda Civil trata de localizar ao marido dunha das vítimas e presunto agresor de 52 anos, cónxuxe da muller de 45 anos e xenro da muller de 72, tamén español e veciño da localidade.
Así, a Garda Civil de Burela (Lugo) mantén aberta a investigación. En concreto, patrullas da Unidade de Tráfico, Policía Xudicial e Seguridade Cidadá do Instituto Armado buscan ao home.
De determinarse que se trataría de vítimas de violencia de xénero, sería o primeiro caso en Galicia este ano e o segundo en España no que vai de 2014.











