O grupo de pandereteiras Altamira porá a música na Feira de Brión
O grupo de pandereteiras Altamira será o encargado este sábado 25 de xaneiro de poñer a nota musical na Feira de Brión, que terá lugar entre as 11 e as 14 horas na explanada e na planta baixa do centro comercial Monte Balado. A partir das 12:00 horas, este grupo de mulleres, nacido da escola de música e baile tradicional do Concello de Brión, interpretarán varias pezas para disfrute de todos os presentes.
Por outra banda, entre as 12:00 e as 13:30 horas dará comezo un Obradoiro de Sushi no que os alumnos e alumnas “aprenderán como se debe cocer o arroz e elaborarán un rollo de maki, aprendendo como deben tratar os distintos ingredientes que o compoñen”, explica Ramón Feáns, da empresa amiense Welcome Repostería. Aínda quedan prazas para aprender a preparar este coñecido prato xaponés. A cota de inscrición é de 20 euros e as anotacións deben realizarse a través do mail: feiradebrion@gmail.com. Ademáis, entre os participantes sortearase un vale de 20 euros para gastar na seguinte feira.
A Feira de Brión reúne os segundos e cuartos sábados do mes a unha trintena de postos que ofrecen todo tipo de produtos: roupa, xoias, bolsos, carteiras, xoguetes, doces, produtos da horta, contos…











