O goberno de Teo demanda melloras de seguridade viaria na AC-841 e na N-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Na xornada de onte producíanse en Teo dous accidentes durante a tarde en dúas estradas de titularidade supramunicipal. Na AC-841 un vehículo atropelaba a unha señora na tarde noite, ó redor das oito da tarde no núcleo urbano de Cacheiras, mentras que despois do mediodía un coche saírase da vía na N-550, á altura do paso de peóns na Casalonga. Afortunadamente no incidente na zona de Calo non houbo danos persoais.

Ante esta situación esta mañá o alcalde de Teo remitiu sendos escritos á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia e á Demarcación General de Carreteras do Ministerio de Fomento no que se reitera a petición de mellorar a seguridade viaria nesas estradas.

O alcalde especifica no escrito á Xunta que “a seguridade viaria na AC-841 ten mellorado sensiblemente”. Sen embargo esto non pode impedir que se “sigan pedindo melloras sobre todo naqueles tramos máis perigosos, e naqueles aspectos como a visibilidade dos pasos de peóns, a iluminación e mesmo o estado do firme e zonas como a rotonda de entrada á autovía AG-59 na Ramallosa ou no núcleo de Pontevea onde está moi deteriorado”. A comunicación municipal da voz tamén a numerosas queixas veciñais que chegan ó Concello aínda que a titularidade e competencia da vía é autonómica.

En relación coa N-550 lémbraselle á Demarcación de Carreteras que neste tramo da N-550 xa está aprobado mover o paso de peóns no que ocurreu o accidente, conscientes da súa perigosidade. De feito o alcalde de Teo acompañado de representantes veciñais da zona téñense reunido con responsables do mantemento desta estrada e todos amosaron a súa conformidade con cambiar o paso de peóns, así como facer cambios no cruce do Espiño, na zona de acceso á carballeira de Francos. No escrito remitido hoxe o alcalde pide a execución inmediata desas melloras comprometidas dende hai meses.

22 de xaneiro de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.