O goberno de Ferrol amplia a franxa de idade para beneficiarse das becas de escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol amplía a franxa de idade para poder ser beneficiario das becas para a escolarización de menores na rede de escolas infantís tanto públicas como concertadas da cidade. Este programa de axudas enmárcase no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela, e permite a conciliación da vida familiar e laboral, ademais de ofrecer unha nova prestación pública ás familias empadroadas no municipio e, deste xeito, fixar poboación.

Este incremento da franxa de idade suporá que neste exercicio de 2014 poderán ser beneficiarios destas bolsas para escolas infantís os pais con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 1 ano; e 1 e 2 anos; ampliando así o rango de idade con respecto ao ano pasado que era de 0 a 1 anos. Neste senso, a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, recordou que o vindeiro ano se incrementará  de novo a franxa de idade até completar o abano de 0 a 3 anos. Esta iniciativa garante que todas as familias que o soliciten e cumpran cos requisitos recibirán as becas para a escolarización de menores até un máximo de 50 euros mensuais por neno/a, atendendo a criterios de ingresos económicos. As axudas poden solicitarse ao longo de todo o exercicio e teñen carácter retroactivo, é dicir: un neno matriculado en xaneiro e cuxa axuda sexa solicitada e concedida en marzo, esta tamén abonará a parte correspondente das mensualidades de xaneiro e febreiro.

Un dos requisitos imprescindibles para beneficiarse destas bolsas é que as familias leven empadroadas no termo municipal un mínimo de un ano. Así, os nenos/as deben realizar unha inscrición previa nalgunha das oitos escolas infantís concertadas coa Xunta de Galicia que están abertas no municipio -La Salle, Os Meniños, Belén, ABC, San Rosendo, Chip-Cjop, Ludy e Aloha- ou en calquera das tres escolas infantís de Ferrol que forman parte da rede pública “A Galiña Azul” -Caranza, Catabois e Virxe de Chamorro-. A día de hoxe, son 12 as familias ferroláns que se benefician destas becas de escolas infantís.

10 de xaneiro de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.