O goberno de Ferrol adxudica a rede wifi en espazos públicos de a Magdalena, Ferrol Vello e Canido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol pechou hoxe a adxudicación de tres propostas que se atopaban en proceso de contratación. Así, a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a adxudicación da instalación dunha rede wifi en espazos públicos urbanos nos barrios da Magdalena, Canido e Ferrol Vello, a subministración de vestiario para a Policía Local, e a prestación do servizo dos catro Comedores Sénior que na actualidade están funcionando en Caranza, nas instalación municipais da rúa Río Xuvia, no Centro Cívico de San Pablo-Catabois e no local veciñal de Esteiro.

A empresa “R-Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.” será a encargada da instalación dunha rede wifi en espazos públicos urbanos situados nos barrios da Magdalena, Canido e Ferrol Vello por un importe total de 71.202,45 euros (21% de IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses, a contar a partir da firma do contrato. A licitadora foi a que recibiu a maior puntuación por parte da Mesa Permanente de Contratación do Concello de Ferrol entre as propostas económicas e técnicas que presentaron as tres empresas que optaban a facerse con esta intervención, que permitirá que os usuarios das prazas e espazos públicos que se localizan no ámbito Urban dispoñan de conexión wifi.

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á aprobación da adxudicación da subministración de vestiario para a Policía Municipal á empresa “Grupo Disnainga, S.L.”. Dita firma terá un prazo de entrega dos novos chaquetóns para os axentes de 7 a 15 días a partir da firma do contrato, e o importe total da contratación ascende a 31.339 euros (21% de IVE incluído).

E, por último, o Goberno Municipal de Ferrol aprobou adxudicar á empresa “Serunión S.A, a xestión dos catro comedores sénior cos que conta o Concello, e que están situado nos barrios de Caranza, Ensanche A, Esteiro e San Pablo. A devandita firma foi a que recibiu a mellor puntuación por parte dos técnicos municipais na Mesa de Contratación, e ocuparase de prestar este servizo municipal por un importe total de 170.940 euros (10% de IVE incluído).

13 de xaneiro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.