O goberno de Ames resolve a convocatoria de axudas para asociacións deportivas con preto de 50.000 euros para 22 clubs
O Executivo amiense resolveu na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves a convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións deportivas no exercicio 2013. Nesta convocatoria, repartíronse un total de 22 axudas a clubs do municipio cun orzamento total de case 50.000 euros. A convocatoria destas subvencións foi aprobada pola Xunta de Goberno Local en setembro de 2013 e foi resolta nun prazo de dous meses, un período moito máis breve e áxil que en convocatorias anteriores. En total, aprobouse a concesión de 49.978 euros a 22 asociacións e clubs de Ames de diferentes disciplinas deportivas como o fútbol, atletismo, baloncesto, ciclismo, kárate, xadrez ou piragüismo.
Na convocatoria 2013, distribuíse entre os clubs e entidades o 100% da contía orzamentada. Este ano, as asociacións tiveron á súa disposición un servizo de asesoría xurídica posta en marcha polo Concello de Ames para atender as súas dúbidas e necesidades. Este servizo gratuíto, posto en marcha en colaboración cun despacho de avogadas situado no Milladoiro, está tendo moi boa acollida e ten como como obxectivo responder a todas as cuestións relativas ás asociacións e colectivos amienses.O servizo, que non ten custe económico nin para o Concello nin para as asociacións, préstase todos os mércores, en horario de 16:30 a 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e está aberto a todas as asociacións culturais e clubs deportivos con sede en Ames.
A través da convocatoria e resolución destas axudas, o Concello de Ames mantén o seu compromiso cos clubs e entidades que promoven actividades deportivas no municipio. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de promover a formación dos máis novos e de propiciar a convivencia.











