O Goberno de Ames concede 85 axudas destinadas a familias numerosas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Executivo amiense concedeu un total de 85 axudas destinadas a familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 102.000 euros e a axuda consiste no pagamento de 1.200 euros por unidade de convivencia. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames pretende axudar na actual conxuntura económica a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “a finalidade desta axuda é proporcionar apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Benestar da Xunta de Galicia ou organismos análogos doutras comunidades autónomas”. María Eugenia Martín engadiu que “as bases incluíron melloras con respecto ao ano anterior co obxectivo de darlle unha maior axilidade á resolución”. De feito, a convocatoria das axudas foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado 1 de outubro, resolveuse a finais de novembro e xa foron abonadas.

A concelleira destacou que, deste xeito, “no actual contexto económico, o Concello de Ames mantén todas as prestacións sociais, incluíndo as axudas de familia numerosa, sendo Ames un dos poucos municipios de Galicia que as mantén”.

29 de xaneiro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.