O gasto do Concello de Ourense para 2014 serán 90,6 millóns de euros
O teito de gasto consolidado do Concello de Ourense e do seu organismo autónomo Consello Municipal de Deportes para o presente ano 2014 ascenderá a 90.637.798,58 euros. Así o establece o informe elaborado polo Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria do Concello, en cumplimento da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financiera aprobada polo Goberno do Estado. A fixación deste teito de gasto permitirá ao Concello de Ourense aprobar uns orzamentos para o presente ano 2014 por un importe total de 99.885.000 euros.
O concelleiro de Economía e Facenda, José Ángel Vázquez Barquero deu conta deste informe aos grupos municipais de PP, BNG e DO no transcurso da Xunta de Área de Economía celebrada esta mañá.
O teito de gasto consolidado do Concello calcúlase usando como parámetros o gasto computable (o relativo aos capítulos 1 ao 7 dos orzamentos municipais) do ano 2013, tomando como referencia o do último exercicio pechado, o 2012, máis os cambios normativos previstos para o ano 2014 e a taxa de referencia de crecemento do PIB para este mesmo exercicio, fixada polo Consello de Ministros, por importe de 1.5%.
Paso previo á aprobación dos orzamentos
Coa aprobación do teito de gasto o Concello dá cumpliemento ao establecido na Lei orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade financieira aprobada polo Goberno do Estado, que fixa límites ao importe dos orzamentos dos concellos.
O teito de gasto será presentado a aprobación por parte do Pleno e constitúe un paso previo necesario para a aprobación dos orzamentos do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes para o presente ano, cuxa elaboración ultima o goberno municipal, por un importe total de 99.885.000 euros
Este é o resultado de sumar ao teito de gasto fixado o importe dos capítulos 8 e 9 dos orzamentos: Activos financieiros e Amortización de débeda máis os gastos finalistas financiados por subvencións procedentes doutras administracións.











