O Fórum Gastronómico Coruña 2014 percibirá unha achega da Deputación por valor de 225.000 euros
A través deste acordo, a Deputación achegará un total de 225.000 euros para sufragar o 80% do custe da organización da feira a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.
Diego Calvo recordou tras a sinatura que “o carácter dinamizador” do evento e destacou que a cidade da Coruña será “o centro gastronómico e principal escaparate do sector durante os días da súa celebración”. “Coa celebración do Fórum Gastronómico nesta provincia, Galicia sitúase no máis alto da cociña mundial”, subliñou o presidente.
Pola súa banda, o alcalde Carlos Negreira agradeceu a colaboración da Deputación provincial e destacou a importancia deste evento para a cidade, xa que contribúe a consolidar A Coruña como referente gastronómico.
Fórum Gastronómico Coruña 2014
O Fórum Gastronómico terá lugar en Expocoruña o 23, 24 e 25 de febreiro do 2014 e servirá como punto de encontro dos mellores cociñeiros de España, así coma de escaparate dos chefs máis importantes de Galicia.
Ademais das actividades propias da feira, durante toda unha semana estará en marcha na Coruña o FórumCiudad, no que se involucrará ao sector hostaleiro local.
A anterior edición que tivo lugar na provincia coruñesa, celebrada en Santiago no ano 2012, recibiu a visita de 15.000 persoas.











