O filial do Azkar Lugo venceu ao Cuéllar e alcánzao na clasificación
O equipo filial, o Azkar Lugo B, sumou a súa cuarta vitoria da tempada e fíxoo ante un rival da zona baixa da clasificación, o Cuéllar Cojalba, polo que os tres puntos tralo 4-2 final permiten aos lucenses sumar 14 puntos no que vai de liga e alcanzar así ao propio Cuellar na táboa clasificatoria.
O Azkar B dominou ao principio do choque o que lle permitiu adiantarse de forma tempraneira e ademais cunha renda de dous goles grazas aos tantos de Manu. Esa vantaxe era contrarrestada no minuto 7 polos segovianos e que poñían o 2-1 no luminoso. Os lucenses foron mellores no primeiro periodo, manexaron mellor o choque e iso permitiu ata ampliar a vantaxe superado o ecuador do primeiro tempo co gol de Javi Río que significaba o 3-1, resultado co que se chegaría ao descanso.
Tralo intermedio o partido cambiou. O Azkar B notaba por momentos o cansazo e é que as baixas deixaran mermado ao equipo de cara a este partido. O Cuéllar dominaba máis no segundo periodo, pero o filial lucense acabaría por levarse o partido desde a defensa xa que a vantaxe no marcador xa a tiña. Pese ao gol dos visitantes que significaba o 3-2 ao minuto 22, o conxunto pronista esmerouse en tarefas defensivas e nalgunha ocasión levou certo perigo á contra, que ben puido significar ampliar vantaxe no luminoso. Chegábase á recta final coa mínima vantaxe do filial lucense e nos últimos tres minutos os casteláns arriscarían con porteiro-xogador. Unha recuperación dos lucenses acababa cun novo tanto de Javi Río que significaba o 4-2 e a sentenza.
Ficha técnica:
Azkar Lugo B 4: Illi, Manu, Cabanas, Diego e Javi Río, -cinco inicial-, Porto, Tizón e Miguel.
Cuéllar Cojalba 2: Cano, Corrus, Lalo, Manu e Taveras, -cinco inicial-, Chukito, Higinio, Iván e Samu.
Árbitros: Hevia Campa e Valdés Urraca (comité asturiano). Amonestaron con tarxeta amarela a Porto (Azkar B) e a Cano, Manu, Chukito e Corrus (Cuéllar).
Incidencias: 15ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Centro Deportivo Terra. Goles: 1-0 min. 4 Manu, 2-0 min. 6 Manu, 2-1 min. 7 Corrus, 3-1 min. 11 Javi Río, 3-2 min 22 Corrus e 4-2 min. 38 Javi Río.
O filial viaxa este próximo sábado a terras viguesas para enfrontarse ao Mosteiro Bembrive dentro da 16ª xornada de liga desde as 18:30 horas no Pavillón Vicente Álvarez.











