O executivo da Cañiza adxudica a xestión do servizo público do Centro de Día
O Centro de Día Anxo, S.L. foi a empresa adxudicataria desta concesión que terá unha duración de 25 anos. A empresa, entre as súas obrigas terá que abonar ao Concello, en concepto de explotación, un canon anual que esta administración revertirá en beneficio dos usuarios do servizo con menor capacidade económica.
O local emprazado na rúa Progreso, na planta baixa do edificio Multiusos, de titularidade municipal, será cedido á empresa que será a encargada de equipalo coa infraestrutura necesaria e adecuada para atender o servizo. Para iso acometerá unha inversión de 50.000 €
As persoas interesadas en obter información sobre a prestación deste servizo, horarios e prezos, poden dirixirse ás oficinas dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello, situadas na pranta baixa da Casa Consistorial. Por outra banda as solicitudes presentaranse no rexistro do Concello acompañadas de toda a documentación necesaria. Unha vez revisada, a solicitude de ingreso será entregada á empresa que se porá en contacto co usuario para concretar a prestación do servizo.
Nun principio o coste da praza é privado, pero aquelas persoas que teñan recoñecido algún grao de dependencia, segundo a Lei 39/2006 do 14/12/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, poderán solicitar a libranza económica vinculada para a adquisición deste servizo de atención diurna.
O horario de apertura das dependencias será de luns a venres de 8h00 da mañá ata ás 20h00 en xornada completa, parcial, por horas ou por días alternos, dependendo das necesidades do usuario, destacando que a xornada mínima será de dúas horas durante dous días á semana.
Ademáis dos servizos básicos, Centro de Día Anxo S.L. asume este novo proxecto empresarial coa intención de traballar prestando unha especial atención á enfermidade do alzheimer, poñendo en marcha os talleres de memoria, a preparación en gimnasio e outras ofertas complementarias de cara a que os usuarios poidan ir recuperando parte da súa independencia.
O procedemento de xestión do centro así como a normativa do servizo foron aprobadas polo Pleno do concello celebrado o pasado 23 de decembro.











