O estadio de Pasarón foi seleccionado para os premios de arquitectura Archdaily, Building of the Year
O novo estadio de Pasarón foi seleccionado finalista dos prestixiosos premios de arquitectura Archdaily, Building of the Year, na categoría Sports Architecture.
Archdaily é a web de arquitectura máis recoñecida e visitada a nivel mundial, e os premios que concede cada ano teñen unha gran repercusión a nivel internacional.
Pasarón compite co estadio Jornalista Mário Filho-Maracaná, en Río de Xaneiro, co Archery Hall & Boxing Club, de Toquio, co Gammel Hellerup Gymnasium, de Dinamarca, e co estadio Wanagkura, de Australia.
O galardón de mellor proxecto deportivo concédese por votación popular. A votación pode efectuarse a través da páxina web www.archdaily.com (hai que rexistrarse, elixir a categoría Sports Architecture e votar por Pasarón). O último día para facelo é o xoves 30 de xaneiro.
O proxecto do novo estadio de Pasarón foi redactado polo arquitecto Galo Zayas Carvajal, responsable da área de Arquitectura da Consultoría IDOM, en Santiago de Compostela; tamén foi o director de obra do estadio. Galo Zayas foi, ademais, responsable de proxectos de grande escala, coma o Auditorio de Vigo, con César Portela, ou da rehabilitación de edificios públicos nos centros históricos de Santiago de Compostela, Lugo ou Ourense.
O proxecto do novo estadio de Pasarón foi encargado pola Xunta de Galicia, cando era conselleira de Cultura e Deportes Pilar Rojo, e foi financiado pola Xunta, a Deputación e o Concello de Pontevedra.











