publicidade hoxe

O espectáculo de Eme2 “Meu ben” estréase en Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNarón
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a estrea do espectáculo teatral ‘Meu Ben’, producida pola compañía galega Eme2 Emoción&Arte baixo a dirección de Álvaro Lavín, que terá lugar mañá venres 24 de xaneiro no Pazo da Cultura de Narón e á que asistirá o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil.

A última proposta de Eme2 estréase co financiamento obtido na convocatoria 2013 de subvencións ás industrias culturais da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), concretamente a través da modalidade dedicada ao fomento da actividade escénica, pola que a compañía resultou adxudicataria de 19.110 euros.

O apoio a esta produción forma parte do obxectivo xeral de Cultura e Educación de fixar un novo marco de actuación, no tocante ás industrias culturais galegas, baseado en tres premisas substanciais: o incremento de público, a consolidación de empresas competitivas xeradoras de retornos e a busca da excelencia nos produtos culturais galegos. Deste xeito, a través das subvencións, preténdese favorecer a demanda e aumentar as exportacións das empresas culturais privadas establecidas en Galicia que se dedican á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais en calquera clase de soporte, así como de espectáculos en vivo.

Tres xeracións

‘Meu Ben’ baséase na obra orixinal da nova dramaturga irlandesa Elaine Murphy. Retrata a vida de tres mulleres de tres xeracións dunha mesma familia de clase media ao longo dun ano extraordinario para elas, papeis interpretados por un trío de actrices que representan tamén tres xeracións do teatro galego: Rocío González, Mercedes Castro e Elina Luaces.

Nas vidas de Amber, da súa nai Lorraine e da avoa Kay danse cita temas como o amor, o sexo e a morte, aderezados con momentos de humor e de comedia. Amber vive sen preocupacións, acabada de saír do instituto, está no mellor da vida, mocea cun tal Paul e anda de festa rachada…. ata que sofre unha molesta ‘indixestión’. Lorraine ataca a un cliente no traballo polo que ten que visitar un ‘médico da cabeza’ que lle receita facer algo bo para ela mesma unha vez por semana: clases de salsa. A avoa Kay, pola súa banda, tenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo.

O resto do equipo artístico e técnico está integrado por colaboradores habituais de Eme2: Anxo Graña na produción e na música, Afonso Castro no deseño de iluminación, Roi Fernández na realización de vídeos e no deseño gráfico, Avelino González na tradución, Sandra Romarís e Xocas López na asesoría lingüística e Julio Perugorria na distribución.

‘Meu Ben’ representarase ao longo de 2013 en distintos escenarios galegos e terá tamén unha versión en castelán para distribuír fóra de Galicia baixo o título orixinal en inglés, ‘Little Gem’.

Estreada por vez primeira en 2008 pola compañía Guna Nua, a peza rapidamente se converteu nun éxito. En 2009 resultou ser a primeira produción irlandesa galardoada co prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo. Desde aquela leva conquistando o público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia e en Nova York.

23 de xaneiro de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.