O encoro da Baxe reduciu preto dun 40% o caudal do río Umia en Caldas evitando inundacións
A existencia do encoro da Baxe, en Caldas, evitou danos maiores neste municipio pontevedrés, ao reducir notablemente os caudais do río Umia durante os episodios de adversos meteorolóxicos que xeraron importantes choivas nesta zona no Nadal, especialmente o día 6 de xaneiro.
Así, durante este Nadal producíronse unha serie de fenómenos meteorolóxicos adversos en Galicia, rexistrándose valores notablemente altos de precipitación na maior parte das estacións meteorolóxicas instaladas na comunidade. Na bacía do río Umia, tanto para a estación meteorolóxica de Meteogalicia situada en Xesteiras (Cuntis), como para a de Caldas de Reis as precipitacións rexistradas foron moi abundantes durante o período comprendido entre o 20 de decembro de 2013 e o 7 de xaneiro de 2014 sendo, nalgúns casos, a precipitación acumulada en 24h superior aos 100 mm.
A consecuencia destas choivas foi o aumento significativo dos caudais dos ríos. No río Umia o caudal de entrada máximo rexistrado na presa de Caldas de Reis neste período foi de 267,88 m3/s, durante o día 6 de xaneiro de 2014.
Segundo a análise realizada por Augas de Galicia, o encoro reduciu nun 37% o caudal do río o día 6 de xaneiro, diminuíndo os efectos da crecida do río ante posibles estragos no casco urbano e nos seus arredores, cumprindo así cunha das funcións para a que foi construído.
El caudal entrante máximo no encoro produciuse sobre as 9:45 h do día 6 de xaneiro de 2014, cun valor máximo 267,88 m3/s. Esta cantidade ou incluso algo maior sería a que chegaría a Caldas de Reis de non ter exercido o encoro a súa labor de laminación. De feito, os caudais máximos saíntes do encoro producíronse entre as 11:30 horas e as 15:00 horas do día 6 acadando un valor máximo de 168,39 m3/s. Por tanto, unha diminución do 37,14 % do valor máximo.
Este importante labor de regulación conseguiuse grazas a que o encoro retivo 2,72 Hm3 neste episodio de chuvia, cun efecto que non só rebaixa os caudais punta, senón que suaviza os cambios de caudal, aspecto de suma importancia para evitar problemas augas abaixo do encoro. Parte do beneficio debeuse á baixada da ocupación do encoro nas horas previas ao episodio de chuvia, de modo que o día 6 a primeira hora o seu nivel era do 50%, preparado para recibir as achegas extraordinarias previstas para ese día.
A día de hoxe, o encoro está en situación de normalidade, cun nivel de ocupación do 53 % de modo que estea preparado ante eventuais novas situacións de chuvias.











