O Encontro Internacional de Narración Oral en Narón reunirá a Carolina Rueda, Oswaldo Pai, Quico Cadaval e Paula Carballeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaNarón
A-
A+

O Pazo da Cultura de Narón acolle o sábado 18 de xaneiro ás 20:00 horas unha nova edición do Encontro Internacional de Narración Oral, no que participarán os seguintes actores e actrices: Carolina Rueda (Colombia), Oswaldo Pai (Aragón), Quico Cadaval (Galicia) e Paula Carballeira (Galicia).

Este espectáculo terá unha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos, e está dirixido a maiores de 14 anos de idade. O prezo das entradas é de 9,50€ para público xeral, 6,65€ abonados, e 5,50€ usuarios do carné xove ou estudantes (ata 25 anos).

Os protagonistas irán narrando as súas historias, de un en un, cun prazo de tempo aproximado de 15 minutos cada un.

Breve biografía dos participantes:

Carolina Rueda.- Colombiana, palabradora, palabrera, verbalística, barroca, desvergoñada, provocadora, explicativa, palabrante, e no seu máis profundo sentido, armadora, arquitecta, obreira de ferramenta, ocupa-tempo, imaxiñeira, e namoretas.
Viviu a proba desta descrición en lugares aos que se chega en todo tipo de vehículos motores e automotores. Olfativa como sabueso, aprende segundo os públicos, os recursos da memoria. Popular como os paseos de río, as historias chegadas de distintos camiños, técense calidamente.

Oswaldo Pai.-  Forma parte da PAI, compañía de teatro e animación, e especializouse na narración de historias nas que están integrados malabares con obxectos e con palabras.

O repertorio fórmano historias de creación propia, outras inspiradas na tradición oral e algunha baseada en textos de autores de literatura infantil actual.

Esta orixinal mestura xoglaresca explica a infinidade de representacións en distintos ámbitos: escolas, bibliotecas, institutos, universidades, teatros… para mozos, nenos ou adultos, só ou acompañado de músicos… actuando por todo o estado español e en distintos eventos en Portugal, Francia, Porto Rico, Colombia, Arxentina, Venezuela, Marruecos, Costa Rica, Bulgaria, Ecuador, Noruega, Brasil…

Quico Cadaval.- Quico Cadaval (Ribeira, 1960) é un actor, director, adaptador teatral e narrador galego, impulsor do movemento de radioteatros surxido en Galicia na década dos noventa. Aprendeu a contar contos onde unhas anciás e/ou amas de casas que se encargaron de transmitirlle historias, e tamén historias a persoas, da máis variada índole, que pasaban pola taberna do seu nacemento. Comezou a interpretación teatral a finais dos anos setenta. Xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: “Ou Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da TVG, así como en cortometraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Dirixiu en varias ocasións ao Centro Dramático Galego.

Paula Carballeira.- “Nacín unha tarde de setembro do ano 1972 en Maniños, en Galicia, no noroeste da península Ibérica. Conto contos profesionalmente desde hai 15 anos en galego, español e galego-portugués. Viaxei por varios países: Portugal, Brasil, Chile, Suiza, Ecuador…e non deixo de viaxar fundamentalmente pola miña terra, onde participo regularmente en actividades de narración oral en bibliotecas, bares e ata en prazas, debaixo das árbores… “

Un día antes do Encontro Internacional de Narración Oral, o venres 17 de xaneiro ás 20:30 horas Oswaldo Pai actuará no Café Teatro do Pazo da Cultura, onde ofrecerá un repertorio composto por historias de creación propia, e outras inspiradas na tradición oral e mesmo algunha baseada en textor de autores de literatura infantil actual. Oswaldo forma parte da PAI, compañía de teatro e animación, e especializouse na narración de historias nas que están integrados malabares con obxectos e con palabras.

Esta orixinal mestura xoglaresca tense levado por toda España e mesmo a outros países coma Portugal, Francia, Puerto Rico, Colombia, Arxentina, Venezuela, Marruecos, Costa Rica, Blugaria, Ecuador, Noruega, Brasil…

Tamén dentro das actividades programadas con motivo do Encontro Internacional de Narración Oral, o xoves 16 de xaneiro ás 20:30 horas  no Café Teatro do Pazo da Cultura representarase o espectáculo “Con cierto sexo” a cargo da compañía Unahoramenos Producciones. Trátase dunha posta en escena onde a delicada música de Carlos Oramas e as sorprendentes historias de Félix Albo retozan sobre o escenario para enchelo de humor, sensibilidade e erotismo.

15 de xaneiro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.