publicidade hoxe

O edificio que albergará o novo PAI de Touro estará listo en sete meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O edificio que albergará o novo Punto de Atención á Infancia (PAI) de Touro estará listo en sete meses. O prazo de execución comeza hoxe, día no que se levantou a acta de reformulo que dá inicio ás obras, e conclúe o 23 de agosto. Copcisa, a empresa encargada de executar o proxecto, iniciará as obras a próxima semana e finalizaraas, tal e como está previsto, a finais do mes de agosto. Hoxe déronse cita no solar onde será construído o edificio representantes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ente encargado de adxudicar a obra; responsables da empresa construtora, o director de obra e o director de execución do proxecto. Tamén acudiu o alcalde da localidade, Ignacio Codesido. As partes certificaron o inicio do proxecto.

A construción do edificio, que irá encostado á Casa de Cultura que será inaugurada nas próximas semanas, requirirá un investimento de 191.000 euros. O solar está situado nunha zona de servizos de Fonte Díaz. Alí están as piscinas, a residencia de maiores, a zona de autocaravanas, as pistas de deportes e o edificio que acollerá o novo centro social.

O alcalde confía en que o PAI poida comezar a funcionar e a recibir aos habitantes máis pequenos de Touro no curso 2013-2014. “Ese é ou noso obxectivo”, asegurou Ignacio Codesido, quen estivo presente no levantamento da acta de reformulo. O novo edificio será de similares características á Casa de Cultura. Estará dotado de todos os servizos para acoller a 20 nenos e nenas. Terá un total de 252 metros cadrados construídos en planta baixa. E constará dunha aula e un espazo de usos múltiples. Tamén contará cunha zona de descanso e un patio exterior cuberto.

23 de xaneiro de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.