O departamento de emprego de Lalín atendeu un total de 470 veciños a través da bolsa de emprego
Ademais, desde a área de emprego tamén se veñen prestando actividades diversas: xestión de subvencións, ademais de asesoramento para emprendedores ou para a constitución de asociacións ou colectivos de todo tipo
O Concello de Lalín atendeu a un total de 470 veciños desde que se puxo en funcionamento, a través da bolsa de emprego, un servizo adscrito á área de emprego da Concellería de Actividade Económica, Comercio e Emprego que dirixe María José Batán, e que se ocupa de ofrecer o asesoramento preciso en materia de intermediación laboral ás persoas demandantes de emprego a fin de mellorar a súa empregabilidade laboral nestes momentos.
Desde o dito servizo que é atendido por técnicos municipais especializados realízase a cada persoa demandante de emprego unha entrevista persoal, analízase ou elabórase o curriculum vitae dos demandantes de emprego, para logo incorporalo á bolsa de emprego e informar sobre as posibles ofertas que existan tanto a nivel local como outras que se difunden a través de calquera outro medio: medios de comunicación, portais de emprego, etc.
Neste sentido, Batán precisa que “desde este servizo en 2013 xestionáronse un total de 30 ofertas de diferentes sectores (comerciais, peóns, construción, dependentes, atención sociosanitaria, administrativos, frigoristas, docentes, condutores, etc.)”.
O asesoramento que se presta desde este servizo municipal tamén inclúe a formación necesaria para presentarse a unha entrevista de emprego, así como a relativa ao acceso a cursos de formación que se adecúen ao perfil do demandante, cursos de formación ocupacional específicos, programas integrados ou obradoiros de emprego.
Así mesmo, os demandantes de emprego poden obter información sobre as distintas convocatorias de prácticas non laborais ou bolsas que se ofertan desde institucións públicas ou tamén desde empresas privadas. As persoas que queiran recibir este tipo de apoio deben dirixirse ao departamento municipal de Emprego.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Ademais, desde a área de emprego municipal tamén se veñen prestando desde actividades diversas ben de xestión de subvencións, ademais de asesoramento para a constitución de asociacións ou colectivos de todo tipo ou de asesoramento a emprendedores.
En canto a subvencións, xestionáronse subvencións relacionadas cos distintos plans provinciais de emprego da Deputación, dos programas de cooperación da Xunta ou do GES, entre outras.
Desde a área de emprego tamén se ofreceu a asesoramento a colectivos e a asociacións de todo tipo, ademais de prestarse asesoramento a emprendedores, de poñer en marcha as axudas á creación de emprego e de realizar visitas a empresas, de diferentes sectores, co obxecto de realizar prospeccións sobre posibles saídas laborais, entre outras actuacións.











