O departamento de Deportes da Coruña abre o prazo para participar na Campaña de Esquí 2014
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que o prazo para participar na convocatoria de prazas para a Campaña de Esquí 2014, que organiza a Deputación da Coruña e para a que a cidade dispón de 50 prazas, finaliza o vindeiro luns, 27 de xaneiro.
A actividade está dirixida para os menores nados nos anos 2000, 2001, 2002 e 2003 e desenvolverase do 7 ao 9 de marzo. Os admitidos pagarán un prezo de 36 euros que incluirá transporte, aloxamento en albergue con pensión completa, forfait, clases de esquí, táboas, bastóns e botas.
As solicitudes de preinscrición deberán realizarse a través da páxina web de Deportes ou nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes situado no Palacio de Deportes de Riazor, Cidade Deportiva da Torre ou Polideportivo de Barrio das Flores. A listaxe provisional de solicitantes publicarase o 28 de xaneiro e o sorteo realizarase o 31 de xaneiro ás 10.00 horas no Palacio Municipal de María Pita, por letra do primeiro apelido e dando preferencia aos empadroados no concello. A lista definitiva sairá o 3 de febreiro.
Os admitidos deberán formalizar a inscrición os días 4 e 5 de febreiro nas oficinas do Palacio de Deportes de Riazor en horario de 8.00 a 14.00 horas presentando a seguinte documentación:
Ficha de inscrición da Deputación.
Foto carné.
Fotocopia documento de asistencia sanitaria.
Fotocopia do Libro de Familia ou carné de identidade.
Copia do abono da cota (Unha vez adxudicadas as prazas, informarase da conta de ingreso indicada pola Deputación).
No caso de tratamento específico ou doenza que sexa necesaria ter en conta, xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Importante facer constar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo.











