O departamento coruñés de mobilidade executa obras de mellora en 15 paradas de autobús urbano
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou de diversas obras levadas a cabo polo seu departamento que permiten unha mellora das paradas de autobús urbano e das infraestruturas do tranvía turístico.
A área de Mobilidade realizou un diagnóstico das marquesiñas, así como das paradas de autobús situadas nas vías de titularidade municipal, para poder ordenar a planificación dos diferentes traballos que han de abordarse para lograr a paulatina mellora solicitada polos usuarios. Nesta primeira fase executáronse melloras en 15 paradas de bus situadas en diversas zonas da cidade:
– En Novo Mesoiro, recolocáronse dúas marquesiñas na rúa Fragas do Eume, de forma que a parte traseira acristalada das marquesiñas protexa aos usuarios fronte ao vento e a choiva, así como melloras de accesibilidade no pavimento e traballos de canalización. Retirouse a cabeceira de parada do carril de circulación, ao situarse próximo a un paso de peóns. A concelleira lamentou que sexa necesario gastar recursos económicos en realizar novas obras debido á falta de planificación do anterior bipartito.
– Melloras de accesibilidade nas dúas paradas de autobús do viaduto da rolda de Outeiro sobre cálea Cabaleiros nos dous sentidos de circulación, substituíndo o firme de terra por plataformas accesibles, con plantación de árbores na zona próxima, substitución de tapas de formigón por ferro fundido e remates menores. Sobre esta obra, Freire sinalou que os usuarios se vían obrigados a realizar a súa baixada do autobús sobre terra, situación que agora se corrixe; e que unha das paradas deixarase de momento sen marquesiña dado que se trata de parada con usuarios de baixada e non de subida de pasaxeiros.
– Retirada de varias marquesiñas ruinosas de fibra de vidro da estrada de Eirís e avenida de Finisterre (polígono da Grela); xestión e tratamento de residuos en planta autorizada;dotación de novas marquesiñas estandarizadas e tratamento de firme. “É indignante que en 28 anos algúns non teñan tempo de retirar estas marquesiñas que se atopaban nun estado totalmente lamentable”, afirmou Freire.
– Melloras de accesibilidade na parada de bus da rolda de Outeiro, á altura do número 219, trasladando as plataformas móbiles deterioradas a talleres municipais para o seu aproveitamento e executando un sobreancho de beirarrúa accesible, con baldosa direccional e podotáctil, marquesiña, panel electrónico e sumidoiro adecuado para o tránsito de cadeiras de rodas. A ordenación completouse creando unha zona de aparcadoiro para motos entre a avenida de Finisterre e a propia parada.
– Melloras de accesibilidade na parada de bus de Paseo de Rolda (praza Mariña Mercante), executando sobreancho accesible con baldosa direccional e podotáctil, marquesiña e canaleta anti-tacón con barrotes de cinco milímetros de separación.
– Ampliación da lonxitude de plataforma dispoñible na parada da avenida da Sardiñeira (na zona dos colexios).
– Sobreancho de beirarrúa na parada de autobús de Ramón e Cajal, á altura do número 30, dotándoa de plataforma accesible.
Begoña Freire resaltou que se deu un forte impulso á mellora das paradas de autobús, con diferentes e variadas obras en función das necesidades de cada unha, o que foi posible grazas a un adecuado diagnóstico para poder abordar con planificación e ordenación os traballos a realizar, tanto polo seu departamento como pola área de Infraestruturas en coordinación cos plans de accesibilidade. Así, até a data e en total actuouse en 36 paradas de autobús, realizando obras de accesibilidade para facilitar a subida e baixada dos usuarios, a accesibilidade do autobús á parada, incorporación ou melloras na dotación de marquesiñas, baldosas direccionales, recollida de augas ou outros traballos varios, e están programadas actuacións noutras 60 paradas.
PASEO MARÍTIMO
A área de Mobilidade tamén realizou un diagnóstico do total de 72 marquesiñas situadas nas 17 paradas do paseo marítimo -algunhas delas que dan servizo á liña 3 do autobús urbano- e dos seus danos, inventario de materiais recuperables ou desechables e reparacións a abordar: recolocación de cristais e metacrilatos, limpeza e pulido dos mesmos, láminas antigrafitis, lijado e pintado dos soportes de aceiro.
“Os traballos realizados xestionáronse aproveitando os materiais das 36 marquesiñas das 6 paradas do tranvía turístico que se suprimiron no tramo que vai desde o cemiterio de San Amaro até o castelo de San Antón. Desta forma, reutilizáronse os elementos recuperables das marquesiñas retiradas, colocándoos nas 11 paradas a manter dotadas con 36 marquesiñas, previa retirada dos elementos deteriorados e a reparación correspondentes, evitando así pagar outros novos e almacenando o material sobrante en talleres municipais para facer fronte a futuras reparacións”, resaltou a concelleira.
EDIFICIO DE COCHEIRAS DO TRANVÍA
A concelleira tamén se referiu aos traballos de diagnóstico e mantemento no edificio destinado a cocheiras do tranvía turístico, situado no paseo marítimo. “Este edificio, construído hai pouco máis de dez anos, apenas tivo mantemento e non cumpría algún requisito fundamental como é a separación de augas hidrocarburadas, pluviais e fecais, polo que é imprescindible executar obras para separar os hidrocarburos mediante decantadores e depósitos específicos” indicou a concelleira.
Doutro lado, tamén se realizaron traballos de mantemento da cuberta plana de chapa de aceiro do edificio, que presentaba un estado de oxidación e acumulación de residuos incompatible coa súa función, así como o parcheado dos orificios que presentaban as partes de zinc, dotando á cuberta de cables de seguridade ou liñas de vida -elementos antes inexistentes- e que agora permitirán realizar traballos de mantemento nas debidas condicións de seguridade. Ademais, realizáronse traballos de reparación e mantemento tanto dos portalóns do edificio como do exterior.











