publicidade hoxe

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita Mondariz para avaliar os danos provocados polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondarizPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o Concello de Mondariz co obxectivo de avaliar, acompañado polo alcalde da localidade, Julio Alén, os danos causados tralo paso do último temporal que afectaron, non só a varias estradas do municipio senón tamén as instalacións de subministro eléctrico do concello.

O delegado territorial acudiu ata Mondariz en compaña do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

Segundo puido comprobar Cores Tourís, as fortes choivas e os ventos das dúas últimas tormentas deixaron numerosos danos en estradas da localidade, en especial, vías municipais que presentan desprendementos e fochancas. “Especialmente grave foi o sucedido na EP-4306 en Barcia de Mesa, onde a forza da auga levouse parte da vía”, explicou o delegado territorial a quen o alcalde da localidade confirmou que a Deputación de Pontevedra licitará en breve a obra de execución da reforma desta estrada. “Así llo transmitiu hoxe mesmo o presidente da institución provincial ao rexedor de Mondariz”, engadiu Cores Tourís.

Por outra banda, o delegado territorial puido comprobar, xunto ao alcalde do municipio, os diversos problemas nas instalacións de subministro eléctrico que sufriu o concello a causa dos fortes temporais. “Queimáronse a lo menos seis cadros e máis de 150 puntos de luz, a maioría de aforro enerxético, quedaron afectados, en especial na parroquia de Mouriscados”, explicou Julio Alén.

De feito, o alcalde da localidade trasladou a Cores Tourís o seu interese por concorrer as próximas axudas que faga públicas o INEGA de cara a continuar coa renovación de puntos de luz, “co obxectivo de seguir a potenciar o aforro enerxético no concello”.

10 de xaneiro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.