O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita a empresa avícola “Lago”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á empresa "Lago"

Cores Tourís na visita á empresa “Lago”

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa “Lago, Aves, Huevos y Caza S.L.” de Pontevedra, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia do sector avícola en Galicia.

Segundo apuntou o delegado territorial, que estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e polo portavoz do PP na cidade do Lérez, Jacobo Moreira, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores do leite, os produtos ecoloxicos, a madeira, o viño e a carne, como é o caso de Lago”.

“Lago, Aves, Huevos y Caza S.L.” é unha empresa familiar que ven marcada por un continuo desenvolvemento ao longo dos anos. Conta cunha sala de despezamento e elaboración de produtos de carne de ave así como unha liña de elaborados empanados, adobados e embolsado.

En canto ao seu volume de negocio, a facturación de 2012 roldou os 14 millóns de euros. Conta con 52 traballadores, vendendo especialmente nos mercados españois e portugués.

A empresa solicitou á Consellería de Medio Rural e Mar unha aportación económica de cara a posta en marcha de melloras tecnolóxicas nesta industria. Así, destinouse a axuda á compra de maquinaria e equipamentos, en concreto, segundo explicou o xerente da mesma, Emilio Lago, “adquirimos unha nova aplicación informática de xestión integral e servidor, así como moldes para á envasadora e caixas para novos formatos de produtos”. O investimento global superou os 153.600 euros dos cales o 25 % foi aportado grazas a estas axudas da administración autonómica.

28 de xaneiro de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.