O custe da instalación dun ascensor no adarve da muralla de Lugo para facilitar o acceso ascenderá a 127.300 euros
A delegada territorial, Raquel Arias, comunicou que a Xunta de Galicia sacou hoxe a licitación o contrato para a elaboración do proxecto e a instalación dun ascensor de acceso á Muralla, que estará rematado este mesmo ano.
Raquel Arias subliñou a “celeridade” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “desenvolvendo con tanta dilixencia un compromiso contemplado nos orzamentos da Xunta e que permitirá que nuns meses o monumento sexa plenamente accesible para todos os cidadáns”.
A delegada avanzou que o custo de licitación é de 127.292 euros, IVE incluído, e o prazo máximo de execución dende que se resolva a adxudicación será de 9 meses.
O ascensor estará situado ao final do Carril dos Romanos, xunto aos xardíns da Deputación, como xa avanzara o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, na súa recente visita á cidade. Deberá ter unha capacidade mínima para 10 persoas e unhas dimensións máximas aproximadas de 240×240 centímetros, incluíndo todos os elementos estruturais. A sinalización será visual, táctil –sistema braille- e sonora.
Arias explicou que a Xunta licita tanto o proxecto construtivo como a execución das obras de construción do ascensor, para o que establece uns criterios de deseño que pasan ineludiblemente pola salvagarda dos valores culturais da Muralla e os do Conxunto Histórico do recinto amurallado.
Así, por exemplo, a estrutura non deberá en ningún caso afectar aos lenzos da Muralla, polo que será plenamente autónoma do monumento, estará separada e comunicada co adarve mediante unha plataforma.
Arias valorou que a solución final “conxugará a conservación do patrimonio coa mellora da accesibilidade á Muralla”, o que resulta beneficioso “para o conxunto da poboación, e especialmente para as persoas con discapacidade porque damos un paso máis para suprimir barreiras arquitectónicas e contribuír á súa autonomía persoal”.