O cruce de rolda de Outeiro con Manuel Murguía contará con semáforos nos pasos de peóns
O Concello da Coruña anuncia novas obras para mellorar a circulación e a seguridade viaria na cidade. A Concellaría de Tráfico e Mobilidade instalará semáforos nos pasos de peóns da glorieta do pavo real, na rolda de Outeiro, ademais de instalar un paso peonil semaforizado á altura do número 17 da rúa Manuel Murguía.
O cruzamento da rolda de Outeiro con Manuel Murguía é un punto da cidade onde aumentou o tráfico tras a entrada en servizo do tramo da Terceira Rolda que conecta coa AC-552, á altura do polígono da Grela, e que no futuro tamén permitirá enlazar coa AC-14 en Pocomaco. Co obxectivo de atender estes cambios no tráfico dentro do centro urbano -sobre todo na rúa Manuel Murguía-, e para dar solución ás necesidades de mobilidade e aumentar a seguridade do tráfico, a área de Mobilidade realizará as seguintes obras, que contan cun orzamento de 46.000 euros:
-Obra civil na glorieta da rolda de Outeiro con Manuel Murguía para a semaforización do catro pasos de peóns e a instalación dunha cámara de control de tráfico; execución dun novo paso de peóns semaforizado á altura do número 17 de Manuel Murguía e que dará continuidade ao itinerario peonil e conectará a zona de Arquitecto Rei Pedreira coa zona escolar; canalizacións, arquetas novas e reconstrución de arquetas existentes, bases de báculos, columnas, armarios, remates de sinalización e xardinaría.
-Instalación de semáforos, con nove báculos e seis columnas con ópticas tecnoloxía leds.
-Para o circuíto pechado de televisión colocarase unha columna de 15 metros, cámara con visión diúrna/nocturna para exteriores con zoom óptico e enfoque automático con posicionador de movemento, cable de alimentación e armario. As cámaras de control de tráfico conectarán coa Sala de Pantallas do 092 e permitirán visionar a circulación desa zona.
-Tendido de fibra óptica para conexión dos novos elementos á sala de control de tráfico, desde onde se centralizarán todos os novos sistemas para axustarse mellor á situación real da circulación en cada momento.











