O corpo do mozo vigués Miguel González apareceu sen signos violencia
O corpo do xoven Miguel González Cabaleiro, de 24 anos, que apareceu este mércores nunha zona próxima ao aeroporto de Vigo, non presentaba signos de violencia e, aínda que estaba “bastante ben conservado”, a Policía sospeita que faleceu aos poucos días de irse da súa casa.
Así o trasladou este xoves a Europa Press a Policía Nacional, que explicou que o mozo falecido foi localizado sobre as 17.00 horas nas inmediacións de Peinador, baixo o viaduto sobre o que transcorre a AP-9.
Tras a súa desaparición, a Policía abriu unha investigación, pola que se realizaron entrevistas a familiares, amigos e testemuñas, co que se puido trazar un mapa coas posibles situacións onde podería atoparse Miguel.
A Policía resaltou que houbo moitas chamadas de cidadáns dando pistas, que foron comprobadas unha por unha, ata que se acoutou a busca a unha ducia de “puntos quentes”.
Despois de varias inspeccións, reducíronse os posibles lugares a catro e solicitouse a colaboración de axentes da Policía Nacional de Madrid, que acudiron á cidade olívica con guías caninos –cans de rastrexo–. Desta forma, o mércores localizouse o corpo sen vida do mozo vigués nunha zona con rochas, salientes e bosque frondoso.
Segundo comunicou o corpo de seguridade, aínda que estaban “bastante ben conservados”, os restos levaban varios días alí, polo que sospeitan que faleceu aos poucos días de ser visto por última vez, o pasado 29 de novembro. Así mesmo, a Policía sinalou que aparentemente non hai signos de morte violenta, aínda que haberá que esperar aos resultados do informe forense.
“PESAR COLECTIVO”
Por outra banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, transmitiu este xoves aos familiares e achegados de Miguel o seu pésame e o do goberno local, así como o “pesar colectivo” e a “conmoción” de toda a cidade olívica.
O mozo fora visto por última vez o pasado venres 29 de novembro, cando saíu da súa casa localizado na rúa Faisán, no barrio vigués do Calvario, sobre as 16,00 horas, sen documentación, móbil nin abrigo.
Os pais do mozo presentaran unha denuncia pola súa desaparición ese mesmo día e pediran a colaboración cidadá para atopar a Miguel, “unha persoa indefensa”, que estaba en tratamento psiquiátrico.