O consorcio as mariñas aproba as Facturas de albada de 2013
O Consorcio As Mariñas acaba de recoñecer as facturas da empresa Albada, concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián, correspondentes ao ano 2013 unha vez que a empresa modificou a súa contía tal e como reclamaba o Consorcio. En concreto, Albada variou as facturas, que foi presentando ao longo do exercicio, restando o prezo correspondente ao uso do vertedoiro da planta, algo que non se está producindo dado que está cheo.
Até agora, a empresa pretendía cobrar a cifra de 47,30 euros máis IVE. Nas novas facturas reduce esta cantidade a 42,42 euros máis IVE, que se cingue ao tratamento dos residuos na planta de Nostián. O Consorcio As Mariñas mantén a discrepancia coa concesionaria desde que en outubro de 2011 esta pretendese incrementar de forma unilateral os seus emolumentos polo uso doutro vertedoiro para os rexeitamentos. O ente comarcal decidiu asumir a xestión dos rexeitamentos, levándoos por medios propios a un vertedoiro de Cerceda, e esixiu consecuentemente que Albada non cobrase a parte correspondente a un servizo que xa non prestaba. Con todo, a empresa continuou presentando as facturas coa contía completa, sendo rexeitadas polo Consorcio.
O mes pasado, o Concello da Coruña decidiu sumarse á posición do Consorcio e reclamou á empresa que a factura non incluíse o uso do vertedoiro. Agora, Albada procedeu a modificar todas as facturas de 2013 segundo estas condicións. En canto o Consorcio recibiunas procedeu ao seu recoñecemento e xa foron abonadas.
O presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso, considera “xusta” a diminución das facturas da concesionaria reclamada polos Concellos da comarca para así axustarse aos servizos reais que presta. “Non tiña sentido abonar un servizo que non estaba a realizar esta empresa”, afirma. Santiso asegura que o Consorcio xamais tivo ningún problema en afrontar todas as obrigacións que asume, pero neste caso entende que esta postura era a única posible para evitar un gasto que non lle corresponde.











