O Consello Superior de Cámaras de Comercio de España únese á Rede de Turismo Industrial que preside a Deputación da Coruña
Con esta entrega e a celebración da Xunta Directiva da RETI mañá en FITUR, formalizarase a entrada do Consello na rede como entidade colaboradora.
Calvo quixo lembrar durante o acto de entrega a importancia da RETI “para unir a todas as entidades que temos como obxectivo común explotar uns recursos que consideramos únicos e exclusivos a través da promoción do turismo industrial”, un sector “importantísimo dentro da economía española”.
A Rede Española de Turismo Industrial constituíuse, tal e como explicou Calvo, baixo a premisa clave de “garantir a calidade da oferta que presentamos grazas a establecer un modelo de calidade que cumpren empresas e organizacións adheridas”.
Tanto Calvo como Teruel coincidiron en resaltar a “magnífica oportunidade de dar unha segunda vida económica e turística a territorios con actividade fabril obsoletas e que forman parte da nosa herdanza industrial”
Tras os trámites oficiais, Diego Calvo expuxo ante Manuel Teruel a experiencia vivida en Ferrol co desenvolvemento da Ruta do Naval e os primeiros froitos recollidos deste traballo. Así, destacou que a cidade naval acollerá durante xuño de 2014 a organización do V Congreso Europeo de Turismo Industrial e a III Crossroads of Europe. Sobre estes dous eventos, Calvo realizará unha presentación oficial mañá na caseta que Turgalicia ten en FITUR.
Durante a súa intervención, e como xa é habitual nos encontros deste tipo, o presidente da Deputación da Coruña insistiu en “o espírito aberto da RETI”, á vez que lembrou que nos últimos meses tamén se adheriron a ela os concellos de Arteixo, As Pontes e Ferrol, así como algunhas empresas especializadas.











