O Consello de Contas empraza ao Concello de Ourense a que no prazo de 30 días aprobe en Pleno a Conta Xeral de 2012
O Consello de Contas empraza ao Concello de Ourense a que, no prazo de 30 días, aprobe en Pleno a Conta Xeral de 2012. O documento, que fora presentado a aprobación no pleno de 27 de decembro, non obtivo a aprobación plenaria xa que só contou cos votos favorables do grupo do PSdeG-PSOE, e votos en contra de PP e DO, con abstención de BNG. A falta de aprobación plenaria impide que a conta xeral sexa validada polo Consello de Contas.
Así o pon de manifesto a través dun informe a Tesorería Municipal. Este departamento, responsable da confección da Conta Xeral, presentou o documento o pasado día 30 de decembro na plataforma de rendición de contas. Con data 14 de xaneiro, o Concello recibiu escrito do Consello de Contas no que comunica que na documentación recibida se aprecian “incidencias” que impiden a súa consideración como conta rendida con data 30/12/13.
Estas “incidencias” están subsanadas a día de hoxe, polo que só resta a aprobación plenaria. Consistiron basicamente en aclaracións en relación coa información achegada e non significaron modificar a Conta Xeral.
Previa consulta efectuada por Tesorería ao Consello de Contas, o órgano autonómico comunica que a incidencia non subsanada e que constitúe requisito “imprescindible” para que o Consello de Contas valide como Conta Xeral rendida a do exercicio é que a mesma non foi aprobada polo Pleno. No escrito recibido no Concello, o Consello requiere a remisión da Conta Xeral “no prazo de 30 días coa debida subsanación das incidencias”.
O informe de Tesorería lembra que a aprobación da Conta Xeral polo Pleno da Corporación “nada ten que ver coa responsabilidade en que puideran incurrir os membros do mesmo que tiveran adoptado as resolucións ou realizados os actos reflexados na conta”.
Advirte tamén que a Lei 19/2913 de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno establece como información que se debe facer pública as contas anuais, e que constitúe unha infracción “moi grave” o incumprimento da obriga de rendir contas.
O goberno municipal volverá presentar a aprobación por parte do Pleno do Concello a Conta Xeral, exactamente o mesmo documento que fora presentado ao Pleno o pasado día 27 de decembro.











