O conselleiro de Educación comproba a reparación dunha luminaria no IES As Fontiñas afectado polo temporal “Dirk”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá o IES As Fontiñas, en Santiago, onde comprobou o resultado da reparación realizada nas instalacións afectadas polo paso do temporal “Dirk”.

Os efectos da cicloxénese deste Nadal víronse no teito, unha incidencia da que xa deu conta a unidade técnica. A reparación, xa rematada, implicou a reposición de sete pranchas do lucernario. Así as  clases nas aulas se reinician con total normalidade o vindeiro mércores 8 de xaneiro para os preto de catrocentos estudantes de bacharelato e ciclos formativos.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, Juan José Hombre Eiras; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; a delegada da Xunta na Coruña, Belen do Campo; e o xefe territorial da consellería na provincia, Indalecio Cabana.

Mantemento dos centros

Deste xeito a Consellería volve a dar conta da súa implicación e rapidez no mantemento dos centros educativos, actuacións que repercuten no benestar de toda a comunidade educativa.

Do mesmo xeito que no IES As Fontiñas, o departamento técnico da Xunta tamén esta a traballar nos CPI Cabo de Area, en Laxe e no CEIP San José Obrero, de Meicende (Arteixo). En ambos centros da provincia coruñesa, tamén afectados polo temporal que este Nadal afectou a toda a comunidade autónoma, o desenvolvemento das clases poderá retomarse con total normalidade.

2 de xaneiro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.