O Concurso Infantil de Postais de Nadal en Mos xa ten os seus tres gañadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Entrega de premios aos gañadores do concurso

Entrega de premios aos gañadores do concurso

A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, entregou hoxe na Biblioteca Municipal, os premios ós vencedores do Concurso Infantil de Postais de Nadal que resultaron ser, na Categoría I de 3 a 5 anos, Martiño Romero Alonso; na Categoría II de 6 a 8 anos, Álex Ambrosio Collazo; e na Categoría III, de 9 a 12 anos, Alba Ucha Serra. Os tres recibiron como premio un lote de libros e material escolar máis un diploma. O acto de entrega de premios tivo unha duración aproximada dunha hora e consistiu nun evento-espectáculo de animación á lectura.

Sobre este concurso a edil responsable do mesmo declaraba esta mañá que “con motivo das datas de Nadal, quixemos aproveitar esta época tan entrañable do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos poñendo en marcha o xa tradicional Concurso de Postais de Nadal”.

Este concurso estivo enfocado exclusivamente para o público con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e os nenos que desexaron presentarse puideron presentar a súa postal en galego ou en castelán, engadirlle ademais de debuxo todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; empregar os materiais que quixeran (ceras, lapis, bolígrafos, rotuladores, telas, recortes, etc.). O tamaño da postal non podía exceder dun folio tamaño A4 por un só lado, e a extensión mínima era de medio folio A4 por un só lado.

Sobre a temática das postais a presentar a concurso a edil responsable desta iniciativa destacou esta mañá que “en relación ao tema, convidamos aos pequenos a engadir tamén unha frase; que podía ser un desexo que non fora de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián, dos amigos/as, familiares, na escola, dos pais, etc”.

A postal debía ser obra do/a propio/a neno/a, e incluír ao final, como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptou unha postal por persoa.

O xurado que deliberou o fallo pertinente para a adxudicación de premios estivo composto por diferentes técnicos/as municipais dos departamentos de Cultura e Benestar Social e valorou a calidade e orixinalidade, así como os valores positivos; descartando aqueles traballos nos que se percibira a intervención directa dun adulto.

Todas as obras presentadas a concurso, tanto as gañadoras coma as que non o foron, estarán expostas na propia Biblioteca Municipal ata o 12 de xaneiro.

3 de xaneiro de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.