O Concerto Solidario dos Locais de Ensaio da Coruña superará o 90% do aforo
O Concello da Coruña, a través da área de Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, informa de que xa se retiraron máis do 90% das invitacións para o Concerto Solidario que os Locais de Ensaio celebran mañá. Todos os asistentes optarán ao sorteo dunha entrada dobre para o concerto que Vetusta Morla ofrecerá o 2 de maio no Coliseum.
Para participar só terán que escribir os seus datos de contacto no dorso da invitación, votar as 3 actuacións do festival que máis lle gusten e depositar o voto na urna habilitada no recibidor do Auditorio. O grupo que máis votos reciba terá a oportunidade de gravar un EP no estudo de gravación dos propios Locais de Ensaio. O sorteo terá lugar xusto ao finalizar o concerto, de forma pública, sobre o escenario, acompañados dos grupos participantes.
O evento, no que actuarán Breathing Loud, Hooked, B.A.R., Beards and Beers, Moonk, Say my Name, SeisPorOito e Tremebundos, oito bandas de mozos formados nos Locais de Ensaio da Concellaría, dará comezo ás 19.00 horas na Ágora, e para acceder é necesario entregar a invitación xunto con 3 quilogramos de produtos non perecedoiros a favor da Cociña Económica.
As invitacións, das que xa se entregaron máis do 90%, poden retirarse unicamente no Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano) xa que nos Locais de Ensaio están esgotadas desde o martes.











