O Concello de Vilagarcía instala un xerador para abastecer ao novo refuxio de animais de Pinar do Rei
O goberno local decidiu adoptar unha medida provisional que permita á Protectora de Animais facer uso coa maior brevidade do novo refuxio de Pinar do Rei. Onte mesmo trasladouse á nova canceira un xerador que permitirá ás instalacións dispor de luz e auga e así, contar cos servizos básicos e imprescindibles para que poidan prestarse nelas os servizos mínimos. A previsión é que o equipo estea listo para funcionar de cara a fin de semana, momento no que a Protectora poderá iniciar o traslado dos animais ás novas dependencias. Namentres, o goberno continúa axilizando os trámites e obtención de permisos para poder acometer a conexión definitiva á rede eléctrica. Tamén se está avanzando a redacción do novo convenio que terá que asinar o colectivo para facer uso das novas instalacións municipais.
A adopción desta solución provisional adoptouse en vista de que a tramitación e obtención dos preceptivos permisos para acometer a conexión á rede eléctrica de Fenosa aínda pode demorarse un tempo. Aínda que os trámites estaban axilizándose ao máximo, o alcalde, en cumprimento do compromiso que adquiriu no Pleno de novembro coa Protectora, decidiu buscar unha solución provisional que permita ao colectivo facer uso das instalacións cos servizos básicos de luz e auga sen máis dilación.
Para elo recorreuse ao xerador de emerxencia da casa Consistorial, equipo que xa se levou ao novo refuxio de animais, e que permitirá ás instalacións dispor de luz, así como de facer funcionar a bomba que extraerá a auga do pozo. O servizo de Electricidade está levando a cabo os traballos coa colaboración de Protección Civil e Emerxencias e baixo a coordinación do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa. Mañá conectaranse os equipos para comprobar o seu funcionamento e si o xerador conta coa potencia suficiente para que poidan prestarse os servizos mínimos. Se non se rexistran incidencias, poderá comezar o traslado dos animais. Non obstante, advírtese que o novo refuxio non estará en condicións de funcionar a pleno rendemento ata que non se leve a cabo a conexión definitiva á rede de Fenosa.
Máxima colaboración e compromiso en firme
Neste punto, cómpre lembrar que o goberno xa garantira en novembro que se executará esa acometida xa que, de non prosperar as negociacións con Fomento para que sexa o Ministerio quen sufrague o custe da mesma, será o Concello o quen asuma o gasto mediante a utilización do cartos que se aforrarán co aprazamento da aplicación do canon de Sogama.
Tanto este compromiso, adquirido xa no mes de novembro, como as xestións realizadas polo goberno de Fole para axilizar a tramitación dos permisos, e a solución provisional adoptada esta semana, evidencian unha vez máis a disposición do executivo a colaborar coa Protectora de Animais.
A canceira vella non estivo un só día sen auga
Pese a isto, tanto o rexedor como o concelleiro de Medio Ambiente, puxeron de manifesto a súa sorpresa ante as críticas lanzadas en diversas ocasións por membros dese colectivo a través dos medios, en especial as ultimas relativas á falta de auga na vella canceira. Longa desmentiu a falta de interese do Concello fronte as necesidades trasladadas dende a Protectora e tamén que non se fixera nada por resolvelas como denunciaron dende o colectivo. De feito garantiu que a canceira non estivo nin un só día sen auga, xa que dende que recibiu aviso de que a bomba fallara, o Concello, a través de Protección Civil encargouse de subministrarlles auga cada mañá cunha cisterna. A única vez que o subministro se demorou ata primeira hora da tarde foi o día no que os servizos de Protección Civil e Emerxencias foron requiridos para a busca do home que caeu ao Umia en Caldas. Aínda así, tamén nesa xornada serviuse auga á canceira.
Longa comentou ademais, que está en permanente contacto co presidente da Protectora, que é sabedor de todas estas medidas e que incluso foi que acordou co concelleiro priorizar o traslado do xerador ao novo refuxio fronte a reparación da bomba do vello; polo que non comprenden as manifestación e actitudes mencionadas.
Regularizar o uso das instalacións co firma dun novo convenio
Tamén está ao corrente o presidente da Protectora de que o colectivo terá que asinar un novo convenio de colaboración co Concello para a utilización do novo refuxio municipal de animais. Este trámite é indispensable para regularizar a cesión en uso das instalacións, determinar os servizos a prestar pola asociación e os compromisos de ámbalas dúas partes; como sinala o informe realizado pola Secretaría Xeral do Concello. A redacción do novo convenio é preciso xa que se trata dun novo recinto, cunhas características e necesidades diferentes ao vello. Os servizos técnicos do Concello traballan xa na redacción do documento.











