O Concello de Vilagarcía deseña unha nova distribución das canchas de Fexdega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Deportes reorganizou os espazos do pavillón de Fexdega co obxecto de optimizar a superficie dispoñible e a compatibilidade do uso deportivo e feiral. Para elo recolocáronse as catro canchas a efectos de deixar libre de xeito permanente unha parte do recinto destinado a acoller diversos tipo de eventos. Deste xeito non será preciso ter que desmontar e reemprazar as pistas cada vez que Fexdega acolle unha actividade expositiva ou lúdica e evítanse interferir na actividade dos clubs que adestran e xogan na Maroma.

As canchas recolocáronse no fondo do pavillón de xeito que queda libre á entrada do mesmo un rectángulo de 2.500 metros cadrados de superficie que se destinará á celebración de eventos. Ademais, este espazo está conectado co amplo recibidor de Fexdega que tamén se podería utilizar con fins expositivos.

Para unha maior operatividade, preténdese que as canchas queden instaladas de xeito permanente, polo que se unha mostra precisa máis espazo do que queda actualmente libre, a organización estaría obrigada a cubrir e protexer as pistas cos medios necesarios, garantindo ademais que os elementos a instalar sobre ela non supoñan ningún dano. De tratarse de material pesado, por exemplo, teríase que emprazar na superficie libre ou no exterior do pavillón.

Esta nova disposición permite controlar o acceso de público aos eventos que cobren entrada, sen interferir na actividade deportiva, xa que, ademais de poder utilizar a entrada principal, onde se atopan as billeteiras, existen outras entradas nos laterais e fondo do pavillón para que poidan ser utilizados polos deportivas de xeito independente.

O persoal da Fundación de Deportes aproveitou a temporada de Nadal, na que se celebrou Arosa Park en Fexdega, para comprobar o funcionamento do novo sistema con bo resultado.

Dentro das melloras a realizar nos vindeiro días está a ampliación da instalación de recollida de augas pluviais para evitar situacións como a sufrida hai dous días, cando unha tromba de auga colapsou o sistema dada a enorme cantidade de auga que as canaletas da cuberta conducían ás tubarías de recollida. O caudal non daba aliviado polo que acabou aflorando a través dunha arqueta situada no fondo do pavillón. Hoxe mesmo estanse a revisar as conducións para comprobar si existen problemas de atascos e tamén está previsto instalar unha tubaría máis para duplicar o caudal de recollida das pluviais.

17 de xaneiro de 2014 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.