O Concello de Vilagarcía convoca a VIII edición de “Igualdá”
O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello vén de convocar a oitava edición do Premio para a Igualdade na Escola no que poderán participar os centros educativos de tódolos niveis do municipio, así como as asociacións de pais e nais. Baixo o lema de “IgualDÁ”, este premio creouse coa intención de promover a educación en igualdade e a previr e erradicar a violencia de xénero, a través de proxectos educativos a desenvolver nos centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato do municipio. Para concursar haberá que presentar un proxecto educativo a desenvolver durante o curso. O prazo de presentación remata o 25 de abril.
O VII Premio para a Igualdade na Escola ten como destinatarios os centros de ensino do municipio financiados con fondos públicos e as candidaturas poden ser presentadas polo profesorado, os departamentos ou a dirección do centro, así como polas ANPAS, sempre que nos proxectos estea involucrado activamente o alumnado. Os proxectos a concurso de deberán tratar sobre o tema da educación para a igualdade e a prevención da violencia de xénero, cunha aplicación necesariamente práctica. Os proxectos que deberá ter comezado, aínda que non rematado, na data de finalización do prazo de presentación das propostas.
A Concellería de Traballo e Benestar, a través da súa Área de Igualdade, concederá un primeiro premio valorado en 1.000 euros ao mellor proxecto educativo e un segundo de 500 euros para a segunda proposta mellor valorada polo xurado.
Os criterios de valoración polos que se guiará o xurado para fallar o Premios serán a calidade e o carácter innovador das propostas, a capacidade de implicar a outros membros da comunidade educativa, a coherencia coas actuacións propostas, a transferencia de resultados á práctica docente cotiá, e a sinerxia da propostas.
Distribución das bases
A Área de Igualdade repartirá as bases do Premio entre todos os centros educativos do municipio para informar sobre a convocatoria e animar á presentacións dos proxectos que xa se estean a desenvolver en materia de igualdade e erradicación da violencia ou os que estea previsto levar a cabo ata final de curso. Tamén se poden consultar no taboleiro de anunicios da web municipal www.vilagarcia.es
Base legal
O Premio de Igualdade na Escola xorde como ferramenta para acadar os obxectivos sinalados no II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades 2009-2012 do Concello de Vilagarcía, en concreto na área de Educación en Igualdade, na que se recolle a necesidade de “Potenciar a coeducación e a educación en igualdade a través de accións formativas, de difusión e de sensibilización”.











