O Concello de Vilagarcía comeza os traballos de rehabilitación do cruceiro do Pazo de rúa Nova
Técnicos do Concello e da Deputación comezaron esta mañá os traballos previos á reinstalación do cruceiro que preside a praciña á que asoma o pazo da Rúa Nova, nos límites de Sobrán (Vilagarcía) e András (Vilanova). Esta actuación inicial consiste, basicamente, na habilitación da base de formigón sobre a que logo se emprazarán todos os elementos do cruceiro, que xa están restaurados.
Deste xeito, en moi poucos días o contorno do pazo recuperará a súa característica imaxe, despois de que, hai agora tres anos, un vehículo tirara o cruceiro, causando serios danos que fixeron temer pola súa perda. A pericia dos canteiros da Deputación fixo posible, sen embargo, a súa recuperación.
Outra cousa é quen se fará cargo dos danos, que foi o motivo principal do atraso na restauración e rehabilitación do cruceiro. Ante o desacordo coa compañía aseguradora do vehículo que causou o sinistro, o goberno local decidiu, por unha banda, recorrer á Xustiza e, polo outro, non esperar máis e asumir eses gastos entretanto os xuíces non se pronuncian, presumiblemente a favor da administración local.
O cruceiro agora rehabilitado forma parte do conxunto do pazo de Rúa Nova, declarado monumento nacional dende 1976, e ligado á familia de Ramón María del Valle Inclán, que o cita en máis dunha obra. O pazo ten a súa orixe nunha fortaleza medieval, que se converteu en casa-torre entre finais do século XVII e principios do XVIII, datas nas que tamén se situaría o cruceiro.











