O Concello de Vigo concede este curso case 5.500 bolsas de comedor escolar
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que a pasada semana, unha vez en vigor a prórroga do orzamento municipal, deu comezo o aviso aos solicitantes de bolsa de comedor que quedaron en lista de agarda, 453 beneficiarios que recibirán tamén a achega municipal.
Segundo revelou, ao comezo do curso o goberno local outorgou 4.996 solicitudes, aos que se suman estas 453 que se conceden en xaneiro e que cubre a totalidade da demanda de axudas de comedor escolar, case 5.500 en total. O rexedor explicou que “a crise está a ser moi dura”, polo que o goberno que preside da “prioridade absoluta” á materia e “en todo o ano 2014 non imos deixar a ninguén sen bolsa de comedor”.
Abel Caballero recordou que o investimento municipal nas bolsas xa concedidas se incrementou nun 14% sobre o ano anterior, acadando os 1.656.000 euros. Na decisión de conceder outras 453 axudas, o goberno local investirá entre 160.000 e 200.000 euros máis, e o socialista avanzou a súa intención de “ampliar a partida” orzamentaria nas próximas contas municipais.
O alcalde reclamou á Xunta de Galicia que acometa as ampliacións dos comedores nos colexios da cidade que o precisen e lamentou que, sobre esta cuestión, o goberno autonómico “non quere saber nada”. De feito, nunha visita recente, Caballero recibiu á solicitude do colexio García Barbón para ampliar o espazo, que acometerá o Concello pese a non ser competencia municipal.