O Concello de Tui recibe subvencións por valor de 342.00 euros
Nas últimas datas o Concello de Tui ten recibido diversas axudas e subvención para a realización de obras de mellora dos servizos e equipamentos públicos que redundará nunhas importantes melloras para os cidadáns, especialmente das zonas rurais do noso municipio. O investimento aprobado por parte das diversas administración públicas acada os 342.903,02 euros.
A Deputación Provincial de Pontevedra, través do seu Plan de Obras e Servizos do ano 2013, ten concedido ao Concello de Tui diversas obras e intervencións especialmente para pavimentacións no rural. Os proxectos beneficiado, e que se executarán de inmediato, son a
– “Mellora da pavimentación no vial Sambade- A cruz de Malvas”,
– “Mellora da pavimentación no lugar da Devesa, Rebordans”,
– “Mellora da pavimentación en camiños nas proximidades do Lugar de Seixal, Baldrans”,
– “Mellora da pavimentación nas proximidades do lugar do Pozón, Caldelas”,
– “Mellora da pavimentación no Lugar de Saides- parroquia de Pexeguieiro”,
– “Mellora da pavimentación nos lugares de Cotarel e Corvaceiras” de Randufe
– “Mellora da pavimentación no lugar do Anxo, Pazos de Reis”.
Amais ao abeiro do devandito Plan de Obras e Servizos a Deputación Provincial financiará a realización dun “Parque infantil no CEIP nº 2 de Tui” así como a “Adquisición dun vehículo para servizos municipais”. Pola súa banda, a “Instalación dunha tirolina e tobogán no Paseo Fluvial de Tui” recibe unha subvención de 26.093,15 € do servizo de cooperación da Excma. Deputación provincial de Pontevedra, quen subvenciona así mesmo os restantes proxectos aprobados cun total de 264.988 Euros.
Tamén a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar concedeu unha subvención de 39.355,25 € para a “Mellora de pavimentación de camiños rurais nas parroquias de Pazos de Reis, Paramos e Caldelas” .
E finalmente cabe lembrar a subvención para o “Acondicionamento das parcelas municipais lindeiras co paseo fluvial “ da Dirección Xeral de Conservación de Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que ascende a 12.466,62 euros.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, este importante volume de investimentos contribuirá a mellorar os equipamentos e servizos que proporciona o Concello de Tui aos seus veciños contribuíndo eficazmente a garantir unha axeitada calidade nos mesmos. Paralelamente estes investimentos testemuñan o importante traballo realizado dende o Concello para lograr estas obras e intervencións e o compromiso con Tui das diversas administracións públicas que o Alcalde agradece.











